O Concello colocará un lazo branco na Torre da Homenaxe en solidariedade coas vítimas da violencia de xénero

O vindeiro 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e o concello de Monforte, a través do Centro de Información á Muller (CIM) ten preparados un conxunto de actos para concienciar da necesidade de loitar contra esta lacra social.

 

Mañá xoves está previsto que se coloque un gran lazo de cor branca na Torre da Homenaxe en sinal de solidariedade coas vítimas da violencia de xénero. Este símbolo estará instalado no monumento da cidade durante 12 días. Ademais diso, mañá quedará instalada unha mesa e un libro de sinaturas na casa do Concello para que todos aqueles veciños e veciñas de Monforte que así o desexen, poidan achegarse e escribir calquera manifestación que consideren oportuna en contra da violencia de xénero.

 

A programación preparada para loitar contra a violencia machista inclúe tamén un obradoiro, dirixido ó público en xeral, que servirá para afondar no coñecemento desta problemática e para ofrecer tamén unha serie de pautas de como hai que actuar diante dun caso de malos tratos. O psicólogo Juan Carlos Prados é o encargado deste obradoiro que se vai impartir mañá pola tarde a partir das 17:00 horas no Centro Cívico Social do Malecón. Este obradoiro formativo está ofertado pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns do SERGAS en colaboración coa Unidade Asistencial de Drogodepencias de Monforte.

 

Por outra parte, o Centro Cívico Social mañá será o escenario dunha mesa de traballo na que van participar os profesionais do ámbito da violencia de xénero. Estes especialistas tratarán de avanzar en propostas para mellorar a asistencia que se lle da ás mulleres que son vítimas desta lacra social.

 

“Con estas actividades que temos programadas pretendemos chegar a tódolos sectores da poboación. Queremos incidir especialmente na xente máis nova, é moi importante  conciencialos da problemática que representa a violencia de xénero para poder poñer freo ó número de casos de malos tratos”, destacou a concelleira de Cultura, Marina Doutón.

 

25 de novembro: Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero

O acto central que organiza o Concello terá lugar o vindeiro mércores, 25 de novembro. Ese día, na rúa Cardeal a partir das 12:30 horas vaise proceder á lectura dun Manifesto para rexeitar os malos tratos ás mulleres. Ademais, haberá un reparto de lazos brancos e de pulseiras a todos aqueles que estean paseando ese día polo centro, este acto servirá para simbolizar a condena á violencia de xénero e tamén para amosar a solidariedade con tódalas vítimas desta lacra social.

 

O día 25 pola tarde, a partir das 20:00 horas, vanse proxectar as curtametraxes elaboradas no obradoiro “Cóntame outra historia” e no que participaron os alumnos e as alumnas de primeiro de bacharelato dos IES Río Cabe, A Pinguela e Daviña Rey. En canto finalice a emisión das curtas, abrirase un espazo de debate e reflexión sobre esta problemática social no que participará a psicóloga Paula Sánchez, que posúe unha ampla experiencia en igualdade de oportunidades e violencia de xénero.

 

Por último, a programación para conmemorar o día contra a violencia de xénero inclúe a representación da obra de teatro “Pementeiras, unha historia de empoderamento feminino”. A cita será o vindeiro xoves, 26 de novembro, ás 13:00 horas no edificio Multiusos. A peza, da compañía Xoré Teatro, está dirixida por Ramón Torrente García.

Archivos Adjuntos: