O concello de Monforte conmemora mañá, a través do Centro de Información á Muller, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. O acto central da xornada terá como escenario a rúa do Cardeal. A partir das 12:30 horas a concelleira de Cultura e Igualdade, Marina Doutón, será a encargada de ler un manifesto para amosar o rexeitamento de toda a corporación local ós casos de malos tratos ás mulleres.
Durante a lectura do manifesto está previsto que se realice un reparto de lazos brancos e de pulseiras violetas a todas aquelas persoas que se acheguen ata o centro da cidade. Estes símbolos servirán para amosar a solidariedade coas vítimas da violencia de xénero.
Os viandantes que mañá vaian paseando polo Cardeal van atopar tamén varios pares de zapatos repartidos ó longo da rúa. Con este calzado o Concello quere ter presentes a tódalas mulleres que foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas no que levamos de ano. “Estes zapatos servirán para lembrar os nomes das mulleres que xa non poden estar aquí, é un xeito de renderlles homenaxe pero tamén para deixar patente que non van ser esquecidas”, destacou Marina Doutón. A concelleira de Cultura e Igualdade engadiu tamén que “queremos convidar a tódolos monfortinos e monfortinas a sumarse a estes actos que se fan en sinal de repulsa contra a violencia machista”.
Tamén mañá, pero xa pola tarde, ás 20:00 horas vaise proxectar no Salón de Actos da Centro Cívico Social do Malecón a curtametraxe “Cóntame outra Historia” realizada polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Río Cabe. Ó remate haberá un coloquio no que participará a psicóloga Paula Sánchez e que servirá como espazo de reflexión sobre a violencia de xénero.