O alcalde, José Tomé, presenta o vídeo promocional da XIV edición da Feira Medieval, dirixido por Amanita Films

O alcalde, José Tomé Roca, anunciou esta mañá os detalles da campaña promocional que o Concello puxo en marcha para darlle a máxima difusión posible á Feira Medieval, que se vai celebrar os vindeiros 26 e 27 de marzo. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, da presidenta do Centro Comercial Urbano, Mª José Senra, da delegada dos hostaleiros da zona Sur de Lugo, Beatriz Vila, así como do deseñador do cartel Xosé Quiroga.

 

 “Desta volta o Concello organizou unha campaña promocional progresiva da Feira Medieval para poder facer a mellor difusión do evento e conseguir que siga medrando”, explicou o mandatario local. José Tomé Roca engadiu que “a diferenza do que se fixo outros anos, cando o cartel se anunciaba cunha semana de antelación, nós fixémolo público con tempo suficiente, en concreto mes e medio antes da Feira. Posteriormente, anunciamos os concursos de traxes, de decoración de balcóns e de establecementos hostaleiros”. O Alcalde lembrou tamén que este ano as axudas destinadas ós traxes medievais soben de 2.400 euros a 3.000 euros.

 

Por outra parte, no marco da campaña promocional progresiva, o alcalde apuntou que houbo unha xuntanza cos comerciantes e cos hostaleiros na que se deron cita un elevado número de participantes.

 

Impulso definitivo para a Feira Medieval

As imaxes do vídeo que se presentou hoxe foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano. “Hai moita producción e moitas horas de traballo detrás do resultado que acabamos de ver. Foron dúas xornadas nas que tivemos que estar rodando durante o día e tamén pola noite”, explicou Iván Patiño. O produtor de Amanita Films dixo tamén que a composición da banda sonora é obra do monfortino Fabio González, afincado en Londres.

 

Pola súa parte, o alcalde, José Tomé Roca, subliñou que “15 días antes da celebración da Feira Medieval queremos darlle o impulso definitivo ó evento coa presentación deste vídeo, dirixido e producido por Iván Patiño”. O rexedor explicou que o pasado 1 de febreiro enviou ó Eixo Atlántico este vídeo para que o organismo se encargue de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

 

“A maiores disto, o vindeiro martes, 15 de marzo, estarei en Vigo ofrecendo unha entrevista simultánea en Localia e en Radio Vigo para falar da Feira Medieval. As imaxes do vídeo vanse estar proxectando e será unha publicidade moi potente, posto que os oíntes e os espectadores destes medios están en Pontevedra e en todo o norte de Portugal”, destacou José Tomé Roca.

O vídeo tamén estará no mupi da rúa Cardeal, na páxina web do Concello de Monforte e tamén na do Eixo Atlántico.

O mandatario local engadiu que ademais haberá insercións publicitarias tanto en medios locais como provinciais e autonómicos, tanto nos nos xornais como nas emisoras.

 

“Hoxe empezamos a repartir carteis en todos os establecementos para colocalos nos negocios e nos kioscos de Monforte. Por outra parte, unha empresa de publicidade vaise encargar de distribuílos por toda a comarca e tamén nas principais cidades de Galicia”, detallou o Alcalde. O concello de Monforte iniciará contactos con axencias de viaxes para que se encarguen da difusión do cartel e, deste xeito, “poder chegar ó maior número posible de visitantes”, concluíu o rexedor.

 

José Tomé Roca explicou que tamén se encargaron unhas banderolas para poder penduralas nas farolas de Chantada e de Sober, que celebrarán as súas respectivas Feiras do Viño. “Dous eventos que teñen unha afluencia de visitantes moi importante”, matizou Tomé Roca.

 

Resultado positivo

O Alcalde avanzou que “o traballo que se está facendo dende o Concello é moi positivo, posto que este ano medrou o número de postos instalados, estamos xa en 95, mentres que o ano pasado houbo 87. De feito, algúns quedaron fóra por falta de espazo”.

 

---------Se queres ver o vídeo promocional sobre a Feira madieval, fai clic aquí.