José Tomé anuncia o reinicio dos traballos do Plan Especial do Casco Histórico de Monforte, que fora paralizado no 2013

O alcalde, José Tomé Roca, vén de anunciar que o Concello realizou os trámites, tanto coa Xunta como coa empresa adxudicataria, Oficina de Planeamiento S.A., para reiniciar este mesmo ano os traballos do Plan Especial do Casco Histórico, que estaban paralizados dende 2013. “Cando me presentei ás eleccións municipais comprometinme a sacar adiante os dous documentos de planeamento que para min son fundamentais para o desenvolvemento urbanístico de Monforte, trátase do Plan Especial e do PXOM”, destacou o rexedor.

 

Nesa liña, José Tomé Roca explicou que, ó pouco de chegar á Alcaldía, solicitou unha entrevista coa Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas. Nesa xuntanza, que tivo lugar o pasado 8 de setembro, o mandatario local pediu o reaxuste das anualidades do Plan Especial do Conxunto Histórico. “Para non perder as axudas, tratei de reanualizar a parte económica do Plan Especial e modificar o contrato para alongalo tres anos máis, unha actuación que nos vai permitir retomar o documento”, sinalou o Alcalde, e engadiu que “o 29 de outubro, o subdirector xeral de Urbanismo comunicounos por escrito que aceptaban a reanualización que solicitei entre o 2016 e o 2018”.

 

Unha vez recibida esta notificación, o rexedor explicou que a Xunta de Goberno local aprobou a comezos de febreiro a modificación do contrato do servizo de redacción do Plan Especial. Uns días despois, concretamente o 17 de febreiro, asinouno coa empresa adxudicataria.

 

Fases do Plan Especial do Casco Histórico

O alcalde, José Tomé Roca, detallou as fases que vai conlevar a reanudación do Plan Especial do Casco Histórico. “Neste 2016 tería que producirse a aprobación inicial do documento, para o que fará falta unha partida de 95.580 euros. Esa mesma cantidade é a que se vai aportar para o vindeiro ano 2017, uns cartos destinados para que o plan sexa remitido para o informe da Xunta. Mentres que no 2018 tería lugar a aprobación definitiva do documento, neste caso investírianse 63.720 euros”.

 

A posta en marcha do Plan Especial suporá un custe total de 290.200 euros. Tomé Roca tamén se referiu ó reparto das partidas. “A aportación municipal será de 35.520 euros durante 3 anos, o que representa un 12,2% do custe total. En concreto, o Concello vai aportar 13.320 euros este ano, para o vindeiro 2017 esta mesma partida e no 2018 a inversión municipal será de 8.880 euros”. Mentres que o Goberno galego destinará 254.880 euros, unha cifra que representa o 87,8% do total.

 

-Fase 1: zona de Santa Clara, Abeledos e Campo de San Antonio.

-Fase 2: zona do Cardeal, Compañía e Carude.

-Fase 3: a contorna do Parador de San Vicente.

-Fase 4: Doutor Casares, todas as rúas que soben a San Vicente, rúa do Conde e Lagares.

 

“Traballo de campo”

O Alcalde avanzou que, unha vez resolta toda a tramitación administrativa, a empresa redactora ten previsto iniciar agora o traballo de campo. “Tres equipos, cada un deles integrado por dúas persoas, vanse encargar de visitar tódalas edificacións que haxa dentro do casco histórico de Monforte. O obxectivo é recabar toda a información necesaria para despois redactar o plan coas propostas de rehabilitación que se consideren máis axeitadas en función de cada modelo de edificación”, apuntou José Tomé Roca.

 

O mandatario local dixo tamén que a previsión é que esta actuación dure, aproximadamente, dous meses e medio. “As visitas comezarán a mediados de abril e rematarán a finais do vindeiro mes de xuño”, concluíu Tomé Roca.

 

Precisamente, para poder comunicar estes traballos, o Alcalde apuntou que xa lles enviou unha carta ós veciños que residen nesta zona de Monforte: “a misiva vai dirixida a tódalas vivendas que están habitadas dentro do casco histórico e nela sinálase que as persoas que vaian recabar a información irán debidamente acreditadas”.

 

O Alcalde pide a colaboración de todos

José Tomé Roca destacou que “para que este proxecto chegue a bo porto e poidamos contar finalmente cun Plan Especial despois de tantos anos, teño a firme vontade de contar con todos os que queiran colaborar. Quero contar coa opinión dos profesionais da Arquitectura, do mundo da Cultura e do sector empresarial: comercio, construción...”.

 

O rexedor subliñou que tamén contará cas voceiras da corporación, “xa que son finalmente as que van ter a última palabra para aprobar ou rexeitar o Plan”. Tomé Roca tamén apuntou que “espero contar con esa colaboración para evitar que teñamos que repetir vellas experiencias que nos levaron a tirar por terra varios intentos de contar cun Plan Especial ou cun Plan Xeral, o que iso supón de perda de tempo, esforzos e medios económicos”.

 

 

 

Plan Especial

 

O Plan Especial do Casco Histórico de Monforte foi contratado hai algo máis de 5 anos, concretamente o 25 de marzo de 2011.

Logo de que pasasen dous anos sen avances nos traballos, e coincidindo tamén coa retirada do PXOM polo pleno da corporación municipal, o anterior Alcalde enviou unha carta o 21 de febreiro de 2013 á empresa redactora ordenándolle que non realizara os traballos de campo de recoñecemento dos edificios que se necesitaban para a execución do contrato.

Durante a roda de prensa, José Tomé Roca leu unha parte dese escrito no que o anterior mandatario local apuntaba que “no momento actual non resulta conveniente a realización dos traballos de campo de recoñecemento dos edificios”.

O contrato remataba no ano 2015, e ante esta situación e para non ter que empezar outra vez de cero e mesmo perder as axudas, José Tomé Roca retomou as negociacións para a posta en marcha do Plan Especial do Casco Histórico.