Os veciños do barrio do Hospital dispoñen xa dunha nova rede de abastecemento de auga

Os veciños do barrio do Hospital de Monforte dispoñen xa dunha nova rede de abastecemento de auga. Despois de varias semanas, hoxe quedou rematada unha obra que porá fin ás avarías e á falta de presión, dúas constantes que  que caracterizaban ós edificios desta zona da cidade.

 

O alcalde, José Tomé Roca, achegouse ata o lugar para supervisar o remate dos traballos e alí estivo acompañado por representantes da empresa. “Hoxe remata un pesadelo que durou cinco anos para os veciños do barrio do Hospital, e que se traducía en avarías constantes  con graves consecuencias para as familias, os comercios e as empresas da zona”, destacou o rexedor. O mandatario local apuntou tamén que nesta obra “non só se cambiaron as tubaxes, senón que tamén quixemos facer outras melloras. En concreto, levouse a cabo unha renovación completa das beirarrúas cuns materiais máis modernos”.

 

José Tomé Roca fixo fincapé en que o grave problema que había co servizo da auga potable no barrio do Hospital solucionouse xa para moitos anos e, ó mesmo tempo, “quedou un barrio renovado dende o punto de vista urbanístico”. O Alcalde tivo tamén palabras de agradecemento para os veciños e os comerciantes da zona pola paciencia que tiveron mentres se estiveron desenvolvendo os traballos.

 

Novos materiais

 

As novas tubaxes do barrio do Hospital están feitas de polietileno, trátase dunha nova instalación que, segundo os técnicos, garante unha solución de futuro á problemática actual. En concreto, a actuación abarcou a rúa Corredoira entre Santa Clara e o Hospital comarcal, onde se instalaron 1.004 metros novos de tubaxe; a rúa José de Garabantes ente Corredoira e Abeledos, neste caso a nova conducción ten unha lonxitude de 320 metros, e na rúa Irmáns Dapena con Corredoira e Abeledos a tubaxe é de 150 metros.