Teatro, películas e concertos son algunhas das actividades programadas polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas

O Concello de Monforte deu a coñecer hoxe os actos programados para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano está adicado a Manuel María.

 

O alcalde, José Tomé Roca, explicou que “se trata dunha programación moi ampla e variada na que xa levamos tempo traballando para poder encaixar o seu desenvolvemento nas axendas de tódolos participantes”.

 

De entre tódolos actos previstos, o rexedor destacou a presentación o vindeiro venres, 13 de maio, do DVD “Peregrinaxes: viaxando con Manuel María”, que estará a cargo de Lois Diéguez.

 

Por outra parte, está previsto que este ano o Concello se encargue da reedición do Cancioneiro de Monforte de Lemos, un libro de poemas escrito por Manuel María e que leva tempo agotado.

 

José Tomé Roca avanzou tamén que estará presente nos actos que organice a Real Academia Galega en Outeiro de Rei o propio 17 de maio, Día das Letras Galegas. “Quero destacar tamén que despois do verán a nosa cidade vai acoller un acto organizado pola RAG para lembrar á figura deste poeta que pasou boa parte da súa vida en Monforte”, sinalou o mandatario local.