O Concello resolve o problema de saneamento do Porto Seco

O alcalde, José Tomé Roca, e a conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas administracións e que vai permitir resolver o problema de saneamento do porto seco. O documento establece que o Concello e o goberno galego pagarán a medias a obra da estación depuradora de augas residuais da plataforma loxística.

 

Coa sinatura deste convenio rematamos os trámites que dan cobertura ó acordo ó que chegamos coa conselleira o pasado mes de febreiro. Ese día, o Concello de Monforte, poñendo sobre a mesa o interese xeral, aceptou compartir o 50% do esforzo económico para dotar ó Porto Seco, dun servizo básico que lle faltaba, o saneamento propio”, indicou o mandatario local. Por outra parte, José Tomé Roca destacou que “esta obra vai permitir que a plataforma loxística poida funcionar e acoller as empresas que decidan instalarse para crear novos postos de traballo.”

 

O Alcalde fixo fincapé nos esforzos do Concello de Monforte para conseguir a posta en marcha da plataforma loxística: “sempre que se trate de mellorar infraestruturas e de crear postos de traballo, polo Concello non vai quedar, porque faremos todo o esforzo que sexamos capaces para lograr o obxectivo. Desta volta realizamos un esforzo económico de case 150.000 euros, que para nós é moi importante”.

 

Pola súa parte, a conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez, destacou que “dende o goberno galego queremos contribuír ó despegue da plataforma loxística para que Abiga poida instalarse e xerar postos de traballo”.