O concello de Monforte e o Eixo Atlántico están organizando de forma conxunta a celebración dun Foro sobre o Porto Seco. A cita vaise desenvolver no Parador de Turismo o vindeiro venres, 20 de maio. O alcalde, José Tomé Roca, explicou que “o obxectivo é impulsar e manter vivo todo o relacionado co transporte de mercadoríasen Galicia. Queremos abordar a súa relación co resto de España e con Europa, así como as infraestruturas necesarias e o papel que debe xogar o Porto Seco de Monforte neste contexto”.
O rexedor apuntou que a súa intención é deixar a un lado a rivalidade que ata o de agora houbo nesta materia: “o Foro pretende ser unha nova estratexia para abordar conxuntamente os problemas que afectan á provincia de Lugo. A rivalidade non conduce a nada, hai que deixar de traballar illadamente e pasar a un novo escenario de colaboración para defender xuntos os nosos intereses. Por iso, neste Foro estará tamén presente a Alcaldesa de Lugo, a Alcaldesa de Sarria e o Presidente da Deputación de Lugo”.
O mandatario local fixo fincapé en que a cita do vindeiro 20 maio “non vai ser unha xuntanza para filosofar, trátase de elaborar unha folla de ruta porque xa coñecemos cales son as necesidades dos portos de Galicia e xa sabemos tamén que Monforte pode ofrecerlles o que eles necesitan”, subliñou. José Tomé Roca avanzou que o Foro servirá para coñecer de primeira man a xestión dun Porto Seco realizado por unha empresa privada. É o caso da plataforma loxística de Valongo, nas proximidades de Oporto.
Durante a roda de prensa o Alcalde lamentou que “a día de hoxe a provincia de Lugo é a única que non ten comprometidas por parte do Estado as infraestructuras ferroviarias que necesitamos”. Tomé Roca resaltou que “evidentemente a Monforte interésalle resolver o conxunto das comunicacións, pero sobre todo, queremos buscar unha solución á entrada e á saída de mercadorías a través do ramal ferroviario do noroeste, que parte da rede transeuropea do Atlántico en Palencia e que continúa por León, Ponferrada, Monforte, Ourense e Vigo”.
No Foro sobre o Porto Seco van estar presentes, entre outros, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director da área de internacionalización do IGAPE, Abel Veiga; o ex director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín; así como as Alcaldesas de Lugo e de Sarria.
Papel do Eixo Atlántico
O alcalde, José Tomé Roca, explicou que nesta nova forma de abordar os problemas vai xogar un papel moi importante o Eixo Atlántico, “tanto na elaboración de documentos como na organización de eventos, na relación con outras administracións, como pode ser a Xunta de Galicia, o goberno de España ou o goberno de Portugal”, apuntou o mandatario local.
Precisamente, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou que “a maior prioridade que temos todos é a creación de emprego a través da industrialización e tamén do interior”. Vázquez Mao engadiu que o Porto Seco é un tema que afecta a toda Galicia, non só a Monforte, posto que se trata dunha plataforma loxística común a toda a comunidade”, resaltou.