O Foro sobre o Porto Seco conclúe elaborar unha folla de ruta para que a plataforma loxística sexa determinante no transporte

O alcalde, José Tomé, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, presidiron hoxe a celebración do Foro sobre o Porto Seco de Monforte. O acto, que se celebrou pola mañá no Palacio Condal do Parador, contou tamén coa presenza das alcaldesas de Lugo e de Sarria e co presidente da FEGAMP, Alfredo García.

 

O mandatario local explicou que “o que pretendemos é elaborar unha folla de ruta que indique os pasos a seguir para converter en realidade o que no seu día foi deseñado como plataforma loxística de Galicia, equidistante dos portos galegos, ubicada na confluencia de liñas de ferrocarril que comunican coa Meseta e con Europa”.José Tomé Roca indicou que coas aportacións realizadas polos expertos da Universidade da Coruña, das Administracións, das Autoridades Portuarias e dos empresarios imos facer que o Porto Seco sexa útil para o conxunto da economía e para axudar ó reequilibrio do país”.

 

O Alcalde de Monforte afirmou que “o Foro de hoxe ten que formar parte dunha nova estratexia de traballo para abordar xuntos os problemas que afectan á provincia de Lugo”. Nesa liña, Tomé Roca subliñou a presenza das rexedoras de Lugo e de Sarria. O mandatario local tamén se referiu á vontade do conselleiro de Economía, Francisco Conde, que segundo dixo “comparte esta estratexia de traballo conxunto e de colaboración entre Administracións”.

 

Porto Seco de Monforte: clave do transporte marítimo

 

Por outra parte, José Tomé Roca fixo fincapé na necesidade de estar preparados para cando entre en servizo o novo Canal de Panamá: “o transporte marítimo vai aumentar considerablemente e a fachada atlántica da Península Ibérica, tanto de Portugal como de Galicia, deben xogar un papel determinante, porque senón, corremos o risco de que ese aumento de tráfico marítimo sexa derivado cara ó Mediterráneo e cara outros portos europeos de Francia, Bélgica e Holanda, entre outros”.

 

O rexedor indicou que, por este motivo, o Porto Seco é un asunto que afecta a toda Galicia e non só a Monforte: “os nosos portos teñen que xogar un papel protagonista no novo escenario do transporte de mercadorías, e a nosa plataforma loxística pode e debe ser o complemento que necesitan. Eu creo que Monforte está en condicións de ofrecer o que necesitan os portos galegos, porque é o único sitio de Galicia que pode conformar trens de 800 metros, que é o tamaño das composicións que imperan en Europa”, sinalou.

 

José Tomé Roca tamén apuntou que “non podemos perder o tren de Palencia para as mercadorías, como ramal da Rede Transeuropea de mercadorías do Atlántico. O alcalde engadiu que “a provincia de Lugo, e especialmente Monforte, queremos xogar un papel determinante no futuro do transporte de mercadorías por ferrocarril en Galicia, sen olvidarnos da estrada, a través da futura A-76”.

 

O mandatario local concluíu a súa intervención destacando que Monforte e Lugo teñen que loitar xuntas polas infraestructuras que se precisan e que aínda non están comprometidas.