Unha vintena de artesáns estarán presentes na 18ª Mostra de Artesanía Artelemos, que se vai celebrar do 5 ó 9 de agosto

A rúa Cardeal de Monforte vai acoller do 5 ó 9 de agosto a 18ª Mostra de Artesanía Artelemos. Durante as mañás a feira abrirá de 11 a 14 horas e pola tarde o horario será de 18 a 22 horas. Nesta feira vanse dar cita 20 artesáns de diferentes localidades de Galicia e tamén da comarca de Lemos. Entre as disciplinas que se van poder atopar nesta nova edición de Artelemos destaca a olería de Gundivós, o coiro, a cerámica e a madeira.

 

“Con este evento pretendemos dinamizar a economía local e axudar ós pequenos artesáns, posto que son os que máis dificultades teñen para chegar ó mercado. A mostra servirá para que poidan expoñer os seus produtos e así facer visible o seu traballo”, explicou o Alcalde, José Tomé Roca, durante a presentación do evento.

 

A programación da 18ª Mostra de Artesanía Artelemos inclúe demostracións que se van desenvolver pola mañá de 12 a 14 horas e durante a tarde de 19:30 a 22 horas.  Por outra parte, o sábado pola mañá haberá unha xuntanza de palilleiras da Ribeira Sacra e doutros concellos limítrofes así como unha exposición dos seus traballos.

 

Obradoiros para nenos

 

Os obradoiros para os máis pequenos da casa serán o luns, 8 de agosto. Haberá unha quenda de mañá, de 12 a 14 horas e outra pola tarde, a partir das 19 horas. Os nenos que estean interesados en participar neles terán que inscribirse unha hora antes da realización dos mesmos no stand do Concello que estará ubicado na propia feira.