O Concello mellorará o firme das rúas Valle Inclán, Arousa, Ponte da Virxe e Santiago

O Concello de Monforte segue adiante cos seus plans para mellorar o firme das rúas da cidade. O Alcalde, José Tomé Roca, anunciou esta mañá que haberá novos traballos de asfaltado en Valle Inclán, Arousa, Ponte da Virxe e na rúa Santiago. O orzamento destinado a mellorar todas estas vías ascende a 35.526’76 euros, uns cartos procedentes dos presupostos de 2016.

 

O mandatario local destacou que “con todas estas actuacións imos mellorar o pavimento que ata o de agora estaba en mal estado e, ó mesmo tempo, conseguiremos corrixir as deficiencias que hai na sinalización horizontal; posto que nalgúns dos casos non existe ou simplemente non se ve ben”. José Tomé Roca engadiu que “ademais todo iso vai contribuír a incrementar a seguridade dos peóns e do tráfico en xeral”.

 

Rúa Valle Inclán

 

A actuación nesta rúa vaise facer entre o paso a nivel da Florida e o da vía de Castilla. Neste caso, vaise levar a cabo o fresado do pavimento para manter o nivel da rasante actual. Posteriormente, vaise aplicar a capa de rodadura de aglomerado en quente. Para realizar estes traballos será necesario levantar as tapas de dous pozos e tres sumidoiros.

 

O Alcalde destacou que “con esta actuación melloramos as dúas arterias principais do barrio da Florida, como son a rúa Benito Vicetto e a rúa Valle Inclán. Hai que destacar que se trata dunha mellora importante no paso a nivel, posto que antes permanentemente había fochancas a ambos lados”.

 

O custe desta actuación supera os 13.600 euros. José Tomé Roca apuntou que “con este proxecto cumprimos o compromiso que adquiríramos cos veciños da zona da Florida respecto da rúa Valle Inclán”.

 

Rúa Arousa

 

Neste caso, vaise proceder á limpeza da superficie cun barrido por medios mecánicos e un fresado do firme da capa betuminosa nun ancho dun metro fronte ás casas. A idea é manter a mesma rasante e que as augas da chuvia non discurran cara as portas dos edificios.

 

Posteriormente, aplicarase a capa de rodadura de aglomerado en quente así como a sinalización viaria. O custe das obras da rúa Arousa superan os 5.200 euros.

 

Rúa Ponte da Virxe

 

Está previsto levar a cabo un fresadodo actual asfalto nun metro de ancho no fronte dos edificios para non elevar a rasante e polo tanto non crear dificultades coas augas de choiva. Seguidamente, vaise proceder ó barrido por medios mecánicos para deixar limpa a superficie e en condicións de ser aplicada unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.

 

O custe das obras desta rúa ascenden a algo máis de 5.100 euros.

 

Respecto ós traballos programados na rúa Arousa e na rúa Ponte da Virxe, o Alcalde indicou que “non son vías tan transitadas pero atópanse dende hai moito tempo nun estado deficiente e, por respecto ós veciños que alí viven, dámoslles o mesmo tratamento que a outras rúas que rexistran máis circulación ou onde vive máis xente”.

 

Rúa Santiago

A obra será dende a confluencia coa rúa Veiguiña ata a canaleta de regadío que se atopa ó final desta rúa. Neste caso non é necesario realizar fresado polo que se procederá a unha limpeza  do firme por medios mecánicos e á aplicación da capa de rodadura de aglomerado en quente, seguido da sinalización viaria horizontal. O custe das obras da rúa Santiago superan os 11.200 euros.

José Tomé Roca apuntou que “con esta actuación na rúa Santiago ímoslle dar un carácter máis urbano, dado que ata o de agora en parte da rúa só tiña un riego asfáltico e mesmo hai algunha zona da súa superficie que aínda está de terra”. O Alcalde engadiu tamén que “sobre todo, esta mellora vai facer que o parque de xogos que hai alí sexa máis atractivo para as familias e para os nenos”.

A empresa Misturas é a que se vai encargar da realización de todos estes traballos.

 

20 rúas melloradas nun só ano

 

O Alcalde destacou que “con este ultimo proxecto que hoxe presentamos alcanzamos o numero de 20 rúas melloradas nun só ano con cargo ó orzamento de 2016, unha cifra que non se alcanzou ata o de agora en Monforte”. José Tomé Roca subliño que se trata “dun fito importante conseguido por este equipo de goberno.  A nosa vontade é seguir nesta mesma liña para que o final do mandato no conxunto da cidade haxa un estado viario de calidade, tanto para o disfrute dos veciños e tamén como atractivo para xente que nos visite”.