O Alcalde e o Eixo Atlántico reclaman a implicación da Xunta para que o Porto Seco teña actividade empresarial

Os Concellos de Monforte, Lugo, Sarria, así como a Deputación Provincial e o Eixo Atlántico reclaman a implicación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento do Porto Seco. Así o manifestaron os representantes destas administracións durante a presentación do Informe sobre a plataforma loxística; un documento  elaborado polos catedráticos Miguel Rodríguez Bugarín, Fernando González Laxe e a experta en Emprendedurismo, Carmen López Rodríguez.

 

O Alcalde, José Tomé Roca, destacou que “non se trata dun estudio máis, neste caso o que facemos é establecer unha folla de ruta cos pasos concretos que debe dar a Xunta de Galicia para que o Porto Seco de Monforte sexa unha realidade”. Nese senso, o mandatario local afirmou que “é o Goberno galego ó que lle corresponde tomar a decisión de buscar un grupo operador loxístico que se faga cargo da xestión da plataforma”.

 

Mentres, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico denunciou que “polo de agora non hai un deseño urbanístico de Porto Seco en Monforte”. Xoán Vázquez Mao defendeu que a Xunta debe apostar pola plataforma loxística da cidade do Cabe “debido á ubicación estratéxica de Monforte, pero para iso tamén cómpre modernizar a liña ferroviaria Monforte-Palencia. Iso será clave para impulsar o Porto Seco”.

 

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, demandou vertebrar toda a provincia de Lugo por ese eixo interior, xa que con este informe constatase que o noroeste de España queda aillado. “Fan falla municipios conectados, para que Galicia, e toda a provincia de Lugo teña futuro, debemos ter conexións”, resumiu.

 

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, afirmou que “as comunicacións ferroviarias de mercadorías na nosa provincia é un exemplo máis da clara discriminación que sofre Lugo a por parte da Xunta e do Goberno Central. É evidente, que a nosa provincia non está, en ningún caso, entres as prioridades dos Gobernos de Galicia e do Estado".

 

Pola súa parte, o catedrático e autor do documento, Fernando González Laxe, explicou a necesidade de apostar pola vía férrea: “para un porto o ferrocarril é o seu osixeno e se non ten conexión ferroviaria afógase; e entón as mercadorías do porto irán cara a ese ferrocarril e logo máis tarde cara os grandes mercados. O noso estudio complementa esas dúas funcións: intermodadidade e loxística”.

 

Os Alcaldes, o Presidente da Deputación e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico fixeron fincapé en que o obxectivo é amosar a preocupación das administracións máis relevantes da provincia para mellorar as infraestruturas galegas e dinamizar así a economía.

 

Problema de toda Galicia

 

O Alcalde manifestou que a falta de actividade no Porto Seco de Monforte é un problema que afecta ó conxunto de Galicia: “como ben se di no Informe, isto non é só un problema local, isto é un problema de Galicia porque Galicia necesita facer viables os portos marítimos de interese xeral, que son os que poden e deben captar unha cota importante do tráfico marítimo que se vai producir coa ampliación do Canal de Panamá”.

 

Por iso, José Tomé porase en contacto con parlamentarios para rexistrar unha iniciativa na Cámara Galega na que se debata este asunto, porque “o Porto Seco de Monforte e de Galicia necesita una solución urxente”, indicou o Alcalde.

 

Depuradora Porto Seco

José Tomé Roca lembrou que “en breve vaise resolver o problema de saneamento do Porto Seco coa construción dunha depuradora propia, grazas en boa medida a que o Concello puxo sobre da mesa un problema do que ninguén falaba nin resolvía. Para iso, dende as arcas municipais imos aportar o 50% do seu custe”.