O Concello regulariza os contratos de aluguer da sede da Fundación do Ferrocarril de Galicia e do cuarto de axentes

O Concello de Monforte vén de regularizar dous contratos de arrendamento que ten co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). Un deles, é o da sede da Fundación do Ferrocarril e o outro é o edificio do cuarto de axentes, ubicado na Praza da Estación.

 

O Alcalde explica que “dende outubro de 2013, a administración municipal deixou de aboar as mensualidades que correspondían polo aluguer do edificio destinado a ser sede da Fundación do Ferrocarril de Galicia, o que xerou unha débeda importante deste Concello co ADIF. En concreto, esa cantidade ascende a algo máis de 22.000 euros”. Para regularizar a situación, José Tomé, mantivo un encontro coa delegada de Patrimonio e Urbanismo do Noroeste de ADIF, Celina Matías. Nesa reunión acordaron a sinatura dun novo contrato de arrendamento, vixente dende outubro de 2013 ata 31 de decembro de 2024: “isto significa que damos cobertura ós tres anos que se estivo sen contrato e a oito anualidades máis”.

 

O mandatario local destaca que “dende o equipo de goberno consideramos moi importante que a Fundación de Ferrocarrís de Galicia siga tendo a súa sede en Monforte, posto que se trata  dun elemento de atracción turística para a nosa cidade”.

 

Por outra parte, o acordo entre o Alcalde e o ADIF inclúe unha rebaixa no aluger do edificio-sede da Fundación do Ferrocarril, que pasa dunha mensualidade de 568 a 484 euros, co IVE incluído.

 

Cuarto de axentes

 

Polo que respecta ó coñecido como cuarto de axentes, ubicado na Praza da Estación, o Alcalde e os representantes do ADIF acordaron rebaixar o custe do seu aluguer, que para este ano estaba fixado en 726 euros: “posto que a este edificio non se lle deu uso durante seis anos, acordamos manter a renda actual de 363 euros mensuais por un período de outros 5 anos, que irían desde o 1 de xaneiro de 2017 ata o 1 de xaneiro de 2022. Faise mediante un protocolo de novación do contrato de arrendamento”, indica José Tomé.