Mellorar a rede de saneamento municipal e o funcionamento da depuradora de Piñeira. Eses son os obxectivos do Plan de Redución de Vertidos, posto en marcha polo Concello de Monforte.
Para levalo a cabo,unha das primeiras actuacións que se realizará e que deu a coñecer hoxe o Alcalde é o proxecto de mellora no saneamento da contorna da rúa San Pedro, cuxo orzamento ascende a 258.826 euros.Esta actuación vaise realizar ó longo das beirarrúas dereita de Leopoldo Calvo Sotelo e na da marxe esquerda da rúa Valle Inclán.
“A obra que imos realizar ten como obxectivo solucionar un dos problemas do saneamento de Monforte. Agora hai infiltracións de auga, o que provoca un incremento sustancial do caudal. Con esta situación a depuradora de Piñeira non traballa ben debido á pouca carga de augas residuais que lle chega”, explica José Tomé.
Actuacións de mellora
Unha das actuacións previstas é a renovación do colector actual, que carece de xuntas e por ese motivo, permite a entrada de auga. “Con isto renovaremos unha parte das acometidas existentes sen entrar nos edificios. Hai que ter en conta que, esta obra esixe un coidado especial na renovación das tubaxes proxectadas, posto que hai multitude de servizos afectados por esta obra como por exemplo, a electricidade ou o gas”, puntualiza o Alcalde, José Tomé.
Por outra parte, o proxecto inclúe a realización de pozos de rexistro do colector e varios desaugues. Finalmente, haberá que repoñer o firme das beirarrúas e da zona de estacionamento para deixar completamente finalizada a obra.
Os traballos vanse realizar nun pozo preto da vía do ferrocarril, concretamente, á altura do número 51 da rúa Valle Inclán. A actuación discorrerá ata as proximidades do paso a nivel da Florida. Por outra parte, no tramo que vai pola marxe dereita da rúa Calvo Sotelo ata a intersección coa rúa San Pedro, tamén se procederá á renovación total do saneamento.
A disposición destas instalacións obrigará a levantar o pavimento das beirarrúas, que se reporán con novo material.
Pendente dos permisos
O Concello solicitou xa os permisos á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, á consellería de Infraestruturas e ó ADIF para poder realizar esta actuación: “tan pronto como os teñamos, licitaremos as obras posto que xa temos o crédito necesario con cargo ó orzamento de 2016. Uns cartos procedentes das arcas municipais e da Deputación, grazas ó convenio que asinamos co organismo provincial o pasado mes de xullo”, explica o Alcalde, José Tomé.