Aberto o prazo para inscribirse na III Ruta Castelo Bike, que se celebrará o domingo 21 de maio

O Clube Castelo Bike quenta motores para a celebración dunha nova edición da Ruta BTT Castelo Bike, que terá lugar o vindeiro domingo 21 de maio, e que conta coa colaboración do Concello de Monforte. A saída será ás 9:30 horas dende a praza da Compañía de Monforte.

 

O presidente do Clube, José Manuel Pérez, deu a coñecer os detalles do percorrido acompañado polo Alcalde, José Tomé. Pérez destacou que a ruta está pensada “disfrutar da bicicleta e discorrerá, fundamentalmente, por terreo de bosques. Iremos por pistas, camiños, tocaremos moitos sendeiros e tamén zonas cun encanto especial polas súas vistas”. Por outra parte, o presidente do Clube Castelo Bike sinalou que “imos adaptarnos a todo tipo de nivies físicos, haberá un recorrido máis duro de 53 quilómetros e outro máis suave, de 37. Pero tamén estamos manexando a idea de facer un desvío de 29 quilómetros de lonxitude para aquelas persoas que estean iniciándose”.

 

José Manuel Pérez insistiu en que a Ruta Castelo Bike non ten carácter competitivo, pero aínda así, o Clube entregará 5 trofeos a aqueles participantes que primeiro chegue ó Alto do Freixo, o punto máis alto de todo o percorrido.

 

Pola súa parte, o Alcalde animou á xente a participar neste evento deportivo. José Tomé Roca subliñou o compromiso do Concello con actividades deste tipo xa que “permiten estar en contacto coa natureza e relacionarte con máis xente. Por outra parte, actividades coma esta son importantes porque de seguro atraerá un público importante de xente que aproveitará para facer gasto nos establecementos de hostalaría de Monforte”.

 

O prazo para inscribirse na III Ruta BTT Castelo Bike comeza hoxe, 24 de abril. A inscrición na ruta, que se pode facer a través da páxina web do Concello, custará 12 euros pero tamén existe a posibilidade de asistir ó xantar posterior. Neste caso, o prezo será de 25 euros. Os organizadores marcaron como límite a cifra de 200 participantes.

 

As inscricións para participar na ruta poden facerse a través do seguinte enlace:  https://goo.gl/forms/j312AMrphlu0LFlq1

 

Para máis información existe un enderezo electrónico que é castelobikeclub@gmail.com.

 

Ruta solidaria

 

Cómpre destacar que a Ruta Castelo Bike ten tamén un carácter solidario. Todas aquelas persoas que o desexen, poderán colaborar e facer a súa aportación coa entrega de alimentos non perecedeiros. O Concello de Monforte sumarase a esta axuda.