O Concello de Monforte vai colaborar coa posta en marcha da terceira edición da Pasarela Monforte Monumental, organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU). O Alcalde, José Tomé, sinala que “a administración municipal vai estardo lado de todas aquelas iniciativas que axuden a fomentar que as compras se fagan no comercio local. E sobre todo, de proxectos atractivos que contribúan a aumentar o interese de xente doutras localidades por visitar a nosa cidade; posto que iso vaise traducir nun maior beneficio económico para todos”. En concreto, a aportación municipal será de 3.000 euros e tamén se cede, de balde, a utilización do espazo público da explanada.
O mandatario local apuntou que “este evento servirá de escaparate para exhibir as prendas de roupa, o calzado e os complementos de máis dunha vintena de establecementos comerciais pertencentes ó Centro Comercial Urbano de Monforte”. José Tomé destacou tamén os esforzos da directiva do CCU “que conseguiu darlle un carácter máis profesional a esta nova edición. Desta volta, súmanse ó desfile firmas que presentaron as súas creacións en Madrid e noutras capitais europeas, que son referencias dentro do mundo da moda”.
José Tomé subliñou que “tal e como vai medrando este evento, estou convencido de que Monforte Monumental vai camiño de converterse nun punto de referencia do mundo da moda en Galicia”. O rexedor lanzou unha mensaxe para animar a todos os monfortinos a que este sábado se acheguen ata a explanada da Compañía para gozar deste espectáculo.
Pola súa parte, a Deputación Provincial de Lugo colabora cunha achega de 2.000 euros, e ofrecendo unha ruta en catamarán, totalmente gratuíta, que realizarán durante a fin de semana, os organizadores, presentadores, deseñadores, e todo o persoal que participa, para dar a coñecer e promocionar a Ribeira Sacra.
O deputado Eduardo Vidal subliñou que "dende o Goberno da Deputación, colaboramos coa Pasarela Monforte Monumental, co obxectivo de apoiar e impulsar o comercio local, ao mesmo tempo que dinamizamos a economía do Concello de Monforte. Quero pór en valor este tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia, pois espérase que participen máis de 2.000 persoas nesta III edición.”
Datos do desfile
O desfile será este sábado, 13 de maio, e comezará ás 22 horas na Compañía. Debido á previsión de chuvia, instalarase unha carpa para poder realizar o evento. Os mestres de cerimonia serán a ex Miss España María Reyes e o actor Antonio Espigares.
Ademais, como novidade este ano, haberá dúas firmas convidadas ao evento. Unha delas é Leyre Valiente, deseñadora de moda de luxo gañadora de varias distincións ao longo da súa traxectoria. Durante a súa formación traballou nos equipos de Alexander McQueen e Loewe. Os seus vestidos desfilan nas principais pasarelas do mundo como a Mercedes Benz Fashion Week de Madrid e Ámsterdam ou a Printshow 3D de Londres e París. Tamén estará o deseñador catalán Moises Castañeyra.