O Concello inicia as obras de acondicionamento do baixo do antigo Hotel Comercio

As obras para acondicionar o baixo do antigo Hotel Comercio son xa unha realidade. Hoxe mesmo comezaron os traballos para poder destinar a oficinas municipais unhas instalacións polas que o Concello de Monforte levaba anos pagando un aluguer sen que ata o de agora se lles dera ningún uso.

 

O proxecto da obra foi realizado pola Oficina Municipal de Rehabilitación e conta coa aprobación da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico. Para poder levalo adiante, a Deputación de Lugo aportará 49.208 euros; mentres que o Concello de Monforte investirá a cantidade de 3.000 euros.

 

O Alcalde, José Tomé, explicou que “cando o organismo provincial concede este tipo de axudas, o uso da instalación debe manterse polo menos, durante un período de 5 anos. Polo tanto, debido a que nos quedaban dúas anualidades de contrato do baixo, o que fixemos foi solicitarlle ó  Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a renovación por 5 anos máis dúas prórrogas”.

 

Unha obra para dar resposta a dous compromisos

 

O mandatario local explicou que “coa obra deste baixo cumprimos dous compromisos, por unha parte, atender a solicitude do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para ubicar a súa capitalidade en Monforte e, por outra, instalar a futura oficina de atención e información ós peregrinos que decidan facer a ruta do Camiño de Inverno”.

 

O rexedor destacou que “nos cremos nos servizos públicos, e por iso pensamos que a mellor maneira de informar ós peregrinos é facelo dende un servizo prestado polo Concello; igual que ocorre en Mondoñedo co Camiño do Norte, en Lugo co Camiño Primitivo ou en Sarria co Camiño Francés”.

 

Detalles da obra

 

O baixo do antigo Hotel Comercio constará de tres despachos, unha recepción, unha sala de exposicións, unha zona de almacenaxe e dous aseos.

 

As divisións interiores vanse facer en tabiques de fibra de xeso. No que respecta á separación entre o corredor e a sala de exposicións, vanse executar dous módulos fixos acristalados.

 

As portas interiores serán de carpintería de taboleiro, excepto as que dan acceso á sala de exposicións, que neste caso serán de vidro laminado.

Hai que destacar que se vai executar un falso teito de paneis de fibra de xeso pendurado, con estrutura metálica de perfís galvanizados.

 

Polo que respecta á instalación eléctrica, haberá catro circuítos independentes: un para alumeado, tomas de corrente, aire acondicionado e outro para iluminación de emerxencia. A distribución da rede eléctrica interior vaise facer polo falso teito.

 

No exterior do baixo só se cambiará de sitio a porta de entrada, que se vai trasladar para o oco central. Ademais, vaise colocar unha reixa en substitución do vidro superior do último oco cara a rúa Armando Cotarelo, para a entrada e saída de aire da máquina de aire acondicionado.

 

O presuposto total da obra ascende a 52.208 euros, dos cales 21.499’ 25 son para climatización e 30.708’74 son para as obras de albanelería.