O Alcalde, José Tomé Roca, acaba de anunciar que o Concello vai acometer unha renovación integral das beirarrúas e da calzada na rúa Duquesa de Alba. “Trátase dun vial que está moi desgastado e que foi alterado por diferentes obras, debido á implantación de diferentes servizos, como auga, electricidade ou saneamento. Por outra parte, os bordillos están desnivelados e o losado das beirarrúas non é uniforme”, sinala o mandatario local.
A actuación que a administración municipal vai acometer en Duquesa de Alba eliminará as actuais barreiras arquitectónicas e dotará de continuidade ó tramo peonil, conforme ó código de accesibilidade. “Vaise levantar a soleira das beirarrúas e hanse retirar os bordillos. Aqueles que estean en bo estado almacenaránse no campo da feira e serán reutilizados noutras obras, se procede, para optimizar os recursos municipais”, explica José Tomé Roca. Posteriormente, colocarase un novo bordillo e as beirarrúas levarán un novo tipo de plaquetas, similar ó que xa se instalou noutros puntos da cidade.
Por outra parte, a calzada terá unha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, “deste xeito, eliminamos as deformacións existentes quedando unha nova rasante regularizada”, apunta José Tomé Roca.
Sinalización
Os pasos elevados redutores de velocidade vanse manter, estarán sinalizados con pasos de cebra para reducir a velocidade e mellorar a seguridade dos peóns.
Polo que respecta á sinalización horizontal, haberá unha liña central divisoria e dúas discontinuas laterais, que definirán os dous carrís de tres metros cada un deles. Cómpre destacar que o estacionamento se manterá en ámbalas dúas marxes da rúa.
No entronque coa rúa San Lázaro sinalizarase un novo paso de peóns, polo que nas beirarrúas se fará un rebaixe para permitir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.
Prazo e presuposto
O prazo de execución das obras será de tres meses; mentres que o presuposto de licitación do proxecto ascende a 126.897’11 euros, “unha cantidade que supón un investimento moi importante”, subliña o Alcalde. Desa cantidade, a Deputación de Lugo aporta 95.172’83 euros, que representa o 75 por cento, e o Concello destinará 31.724’28 euros. Esta obra foi incluida polo Concello dentro do PLAN ÚNICO do organismo provincial.
O Alcalde explica que “para licitar esta obra contamos co permiso da Comisión Provincial de Patrimonio Artístico, posto que os 20 metros do inicio da rúa Duquesa na súa unión co Paseo de Lugo, están incluídos na da delimitación do Casco Histórico”.
Resposta ás peticións dos veciños
José Tomé Roca engade que “con esta obra o Concello da resposta ás peticións dos veciños desta rúa que, a pesar de ser céntrica, de que soporta un importante volume de tráfico e de que ten unha importante actividade hosteleira, hai máis de 40 anos que non se fixo ningunha obra de mellora”.
O mandatario local apunta que “deste xeito cumprimos o compromiso de mellorar as rúas da cidade que máis o necesiten, independentemente de que estean ubicadas no centro ou nos barrios da cidade, porque o importante é dar un bo servizo ós veciños e ir mellorando os servizos e a imaxe de Monforte”.