O Concello vai limpar a maleza da muralla e desbrozará a contorna do conxunto de San Vicente

O Concello de Monforte ten previsto limpar a maleza da muralla e desbrozar tamén toda a contorna do conxunto monumental de San Vicente. Esta actuación vaise realizar nas zonas que son de titularidade pública, unha superficie que supera os 14.620 metros cadrados de extensión. “A muralla e a súa contorna teñen un incuestionable valor histórico, arquitectónico e social para o noso municipio, ademais está dentro do Conxunto Histórico Artístico”, apunta o Alcalde, José Tomé Roca. O mandatario local engade que “as zonas nas que pretendemos actuar presentan unha merma significativa do seu aspecto, debido á presenza de masas vexetais ó longo de toda a muralla e ó nacemento de matogueiras na súa contorna”.

 

A limpeza vaise facer dende a Cárcere Vella ata a Porta de Pescaderías (Rúa Santo Domingo), na zona Torre do Arco e Porta Nova, no Campo da Virxe así como no Parque dos Loureiros e marxe esquerda do camiño cara a rúa Doctor Casares.

 

O Alcalde explica que “para limpar a muralla vanse empregar tesoiras de podar, co fin de frear o crecemento da maleza e tamén de mellorar o aspecto xeral da construción. Por outra parte, vaise empregar un camión-guindastre, alí onde sexa posible, que se situará no exterior da Muralla, dende o que poderán actuar os operarios para a corta da vexetación. Hai que destacar que nesta actuación non se arrincarán as plantas nin se incidirá no desenraizamento da vexetación”.

 

Actuación na contorna da muralla

Ademais da limpeza na muralla, o Concello de Monforte pretende realizar unha actuación de desbroce e de limpeza das matogueiras que proliferan sen control nas zonas máis próximas á muralla; como por exemplo, o Campo da Virxe, o parque dos Loureiros e a marxe esquerda do Camiño cara a rúa Doctor Casares.

Este traballo de mantemento suporá a eliminación en superficie das masas vexetais, e realizase respetando o monumento. O Alcalde sinala que “unha vez feito, este traballo suporá unha mellora significativa do aspecto xeral da construción”.

José Tomé Roca apunta tamén que “consideramos que esta actuación vai na boa dirección, posto que pón o acento no deficiente estado de conservación deste monumento tan importante e na necesidade dunha intervención que garanta a súa conservación”.

O Alcalde subliña que “este equipo de Goberno considera que este traballo de mantemento é moi necesario e ademais, lévase adiante coa esperanza de acometer unha actuación de restauración máis ampla no futuro, nunha construción desta singularidade”.

 

11 anos dende a última limpeza

 

“Quero destacar tamén que a última vez que se limpou de maleza a muralla e o seu recinto foi no ano 2006, é dicir, hai 11 anos. Daquela os traballos leváranse a cabo nunha superficie de 10.000 metros cadrados aproximadamente e financiaranse cunha aportación de 19.000 euros da Consellería de Cultura da Xunta. Desta volta, este equipo de Goberno decidiu poñer en valor este monumento e por iso, incluímos o proxecto dentro do PLAN ÚNICO da Deputación. O organismo provincial destinará  31.000 euros a esta actuación”.

 

Polo tanto, a actuación que se vai facer agora dende o Concello ten unha maior envergadura que o que fixo coa aportación do goberno galego en 2006: “nos imos actuar en 4.620 metros cadrados máis, e polo tanto, vaise destinar tamén un investimento superior para estas tarefas. En concreto, serán 12.000 máis para limpar de maleza a muralla e a contorna de San Vicente”.

 

Para a realización destas obras o Concello conta xa co permiso da Comisión Provincial de Patrimonio Artístico de Lugo.