A Xunta de Goberno local aproba inicialmente o Plan Especial de Protección do conxunto histórico de Monforte

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá de xeito inicial o Plan Especial de Protección do conxunto histórico-artístico da cidade; o seguinte paso será someter o documento a información pública durante  dous meses: “vaise publicar no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da Provincia, na páxina web municipal e nos xornais de maior difusión na provincia. Tamén se lles notificará ós titulares dos terreos afectados”, explicou o Alcalde, José Tomé.

 

O prazo inicial de información pública empezará a contar na data na que saia publicado no DOGA e finalizará dous meses despois de que sexa notificado o derradeiro propietario. O mandatario local matizou que “para que todas as persoas dispoñan do mesmo tempo para estudar o plan poidan facer as consideracións oportunas, previsiblemente farase unha ampliación xeral do prazo de alegacións, tomando como data de referencia a publicación das persoas non notificadas no Boletín Oficial do Estado”.

 

Posteriormente, o equipo redactor procederá a resolver as alegacións dos veciños. Unha vez superado este trámite, a Xunta de Goberno local aprobará provisionalmente o documento. Seguidamente, sería remitido á Xunta de Galicia, para poder emitir o informe preceptivo e vinculante. No caso de superárense todos estes trámites, o Plan Especial levaríase a pleno para a súa aprobación definitiva.

 

Suspensión do outorgamento de licenzas

 

Este acordo de aprobación inicial do Plan Especial en Xunta de Goberno suporá a suspensión do outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición no conxunto do ámbito do Plan Especial. Así e todo, cabe destacar que a suspensión de licenzas non afectará nos seguintes supostos:

 

-Obras de mantemento, conservación e reforma; salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

-Licenzas de primeira ocupación.

-Proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor e o Plan Especial aprobado inicialmente.

-Actos suxeitos ó trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

 

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos, un prazo que comezará a contar dende a aprobación inicial de Plan Especial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

 

O Alcalde, José Tomé, destacou que “co Plan Especial trátase de identificar os elementos que deben ser conservados e as actuacións recomendadas e permitidas neles para o seu mantemento en uso, así como as condicións das autorizadas no resto do seu ámbito”.

 

Os límites do Plan Especial correspóndense cos da delimitación establecida na declaración do Conxunto Histórico-Artístico como Ben de Interese Cultural de Galicia e abrangue unha superficie de algo máis de 69 hectáreas.

 

Edificios do casco histórico

 

Os edificios que conforman o Conxunto Histórico son 1.100. Desa cantidade, 801 son anteriores a 1960, unha cifra que representa o 73% do total.

Cómpre destacar tamén que algo máis do 90% dos edificios son de uso residencial e que case o 32% están a día de hoxe desocupados.

O traballo de campo realizado polo equipo redactor conclúe queo 59% dos edificios están en bo estado, o 32,5% atópase nun regular estado mentres que o 8,7% restante está en mal ou moi mal estado.

 

Obxectivos do Plan Especial do Casco Histórico

 

O Alcalde indicou que “como Plan de Protección, debe propoñer as medidas destinadas a salvagardar o patrimonio cultural do conxunto histórico artístico declarado Ben de Interese Cultural de Galicia”.

 

Por outra parte, José Tomé, sinalou que “como Plan de Rehabilitación debe ordenar e programar as actuacións necesarias para recuperar e impulsar a mellora das condicións sociais e de habitabilidade, e das condicións culturais, económicas, ambientais, edificatorias e funcionais, para a revitalización do conxunto urbano, en  favor dos seus residentes e do conxunto da Cidade.