O Concello mellorará o firme das rúas Eduardo Pondal e Alexandre Bóveda

O Concello vai mellorar o firme das rúas Alexandre Bóveda e Eduardo Pondal, ubicadas no barrio da Florida. A actuación vaise acometer nunha lonxitude de case 800 metros e nunha anchura media de 6’60 metros. O Alcalde, José Tomé, deu a coñecer este proxecto: “o novo firme será de aglomerado en quente e haberá tamén unha nova sinalización horizontal, algo que ata o de agora non existía. En total imos actuar sobre unha superficie de 5.625 metros cadrados, 5.168 en Eduardo Pondal e 455 no caso de Alexandre Bóveda”.

 

O mandatario local sinalou que con esta obra o barrio da Florida experimentará unha mellora integral: “xa renovamos o firme en Calvo Sotelo, na rúa Real, en Valle Inclán, Arosa, Benito Vicetto, Malvarón e, agora, imos actuar nas dúas que faltaban, Eduardo Pondal e Alexandre Bóveda”.Por outra parte, José Tomé suliñou que “xa son historia as fochancas permanentes que había na Florida a ambos lados da vía de Ferrocarril”.

 

As obras están en proceso de contratación. A previsión é que os trámites administrativos rematen en setembro, polo que as obras poderán executarse en outubro.

 

Compromiso de mellorar as rúas

 

O Alcalde destacou que “o meu compromiso cando cheguei ó Goberno municipal foi mellorar os barrios da cidade, para conseguir unha mellor calidade de vida para os veciños de Monforte. Esta tarefa xa a comezamos durante o pasado ano, cando arranxamos ó redor dunha vintena de rúas”. José Tomé sinalou que “neste ano imos seguir adiante co mesmo obxectivo, de feito xa temos varios proxectos que están en proceso de redacción”.

 

O presuposto deste proxecto ascende a 58.190,45 euros, e será financiado integramente con fondos municipais.

 

Archivos Adjuntos: