O Concello mellorará outras 15 rúas e unha trintena de pistas do rural, o que suporá un investimento de preto de 400.000 euros

O Alcalde anunciou esta mañá que se van acometer obras de mellora en varias rúas de titularidade municipal, tanto no casco urbano como no medio rural. Para poder financialas, a administración local asinará un convenio coa Deputación provincial de Lugo: “son catro proxectos os que imos levar adiante, o primeiro deles recolle o asfaltado de 31 pistas en doce parroquias e suporá a mellora de máis de doce quilómetros. O custe deste proxecto ascende a 135.347 euros”, explica José Tomé. A Penela, Reigada, As Fontes, Distriz, Piñeira, Marcelle, A Parte, Santa Mariña, Caneda, Ribasaltas, Seoane e Fabeiro son as parroquias que se van beneficiar destas melloras.

 

Outro dos proxectos contempla a mellora de vías urbanas e periurbanas, ás que se vai dotar dunha capa de aglomerado en quente e de sinalización horizontal. Neste caso, trátase das rúas Doctor Fleming, Ponte dos Picos, Muíños de Antero, Filgueira Valverde, o Camiño de Guntín, o paseo peonil e para bicicletas entre o núcleo de Piñeira e a estrada do Polígono do Reboredo. Este proxecto tamén inclúe a instalación dun redutor de velocidade na estrada de Piñeira-A Vide, concretamente, nas proximidades do cruce coa estrada da Deputación.  Este proxecto ten un custe de 88.581 euros.

 

O terceiro dos proxectos consistirá no reasfaltado de varias vías urbanas “ás que dotaremos dunha capa de aglomerado en quente e de sinalización, posto que agora carecen dela. Neste caso, as rúas beneficiadas son Aceña Nova, Zapardiel, o lateral da explanada do cemiterio e a rúa Juan Montes, entre O Morín e a vía do ferrocarril”, explica o Alcalde, José Tomé. O custe deste proxecto ascende a 93.500 euros.

 

O cuarto dos proxectos suporá a renovación do pavimento e sinalización horizontal de varios viais, en concreto, as rúas Chamoso Lamas, entre Rioseco e As Cruces; a rúa Emilia Pardo Bazán, entre o cruce de Rioseco e O Morín; o entronque da rúa Poeta Noriega Varela con Emilia Pardo Bazán e na marxe esquerda rúa Padre Feijóo. Este proxecto ten un custe de 68.434 euros.

 

Preto de 400.000 euros

 

En total, o custe destes catro proxectos ascende a 385.863 euros. Desta cantidade, a Deputación provincial achegará 250.000 euros, unha cifra que supón case o 65% do total. Pola súa parte, o Concello vai destinar 135.863 euros, o que representa algo máis do 35%.

 

Todos estes proxectos vanse licitar e contratar neste ano. Está previsto que as obras comecen en 2018.

 

O Alcalde destaca que “os tres proxectos que afectan á parte urbana da cidade van supoñer a mellora de 15 rúas que, xunto coas outras 5 que xa están contratadas para empezar as obras, van supoñer que neste ano, a mellora dunha vintena de rúas. O pasado ano tamén actuamos noutras tantas. Con estes datos, podemos dicir que en dous anos melloramos 40 rúas da cidade e máis de medio centro de camiños rurais. Polos datos que temos, non nos consta que en mandatos anteriores se renovasen ou mellorasen tantas rúas en só dous anos”.