O Alcalde achegouse esta mañá ata o barrio da Estación para analizar o estado no que quedou a vivenda que se derrubou na madrugada do 31 de decembro. José Tomé supervisou a zona acompañado polo concelleiro de Servizos, o técnico de Urbanismo, o xefe da Policía Local e do capataz de obras.
Durante a visita analizaron a situación de tres edificios: o 159, que quedou totalmente colapsado; mentres que os números 157 e 161 víronse parcialmente afectados, tanto dende a perspectiva da rúa Calvo Sotelo, como pola parte traseira dos mesmos.
Posteriormente, o mandatario local mantivo unha reunión na Casa do Concello cos mesmos técnicos, na que tamén estivo o Secretario municipal para analizar conxuntamente os pasos a seguir, tanto dende o punto de vista técnico como xurídico.
Nesa liña, o Alcalde encargoulle ó aparellador municipal a realización dun informe que propuxese as accións a levar a cabo, e ó Xefe da Policía Local solicitoulle outro informe relacionado coa seguridade no tramo da rúa Calvo Sotelo afectado polo derrubamento, tanto para os peóns como para os vehículos, e poder determinar así se se mantén cortada ou non esa rúa.
José Tomé indicou que “cos datos recabados esta mañá, declaramos en ruína os tres edificios, polo que haberá que proceder ó seu derrubamento, unha situación que lles será comunicada ós seus propietarios. Por outra parte, imos manter cortada ó tráfico a rúa Calvo Sotelo por cuestións de seguridade durante uns días”.
Cabalgata de Reis Magos
O Alcalde tamén adianta que o percorrido da Cabalgata de Reis será modificado: “dado que durante a tarde do vindeiro venres, 5 de xaneiro, vaise congregar un elevado número de persoas para ver a Cabaltaga de Reis, queremos evitar calquera tipo de risco, por iso, o Concello vai variar o traxecto do tradicional percorrido das Súas Maxestades de Oriente pola cidade do Cabe. Como sempre, a saída será dende a Estación pero logo vaise dirixir cara a rúa Doutor Casares, logo retornará á rúa Calvo Sotelo, unha vez superada a zona cortada”.
O itinerario definitivo da Cabalgata vaise establecer durante a xornada de mañá, mércores, dado que existen varias posibilidades para ir dende a Estación ata Doutor Casares, e tamén para volver cara Calvo Sotelo.
Cómpre sinalar que o Alcalde tamén destacou que “dende o Servizo de Urbanismo do Concello farase un informe preceptivo no caso daqueles edificios que se considere que deben ser advertidos os seus propietarios, para posteriormente, comunicarllelo e que así procedan ó seu mantemento”.