As rúas Pardo Bazán, Chamoso Lamas e Padre Feijóo contarán con novos firmes nos vindeiros días

O Concello de Monforte segue adiante cos seus plans para mellorar diferentes rúas da cidade, desta volta, o Alcalde anunciou que se van realizar actuacións en Emilia Pardo Bazán, Chamoso Lamas e na rúa Padre Feijóo pola marxe esquerda da vía do ferrocarril.

 

 As tres contarán cunha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor e, ademais, disporán, por primeira vez de sinalización horizontal e vertical. O investimento desta actuación conxunta ascende a 64.515’76 euros.

 

José Tomé apunta que “se as condicións do tempo o permiten, estas obras vanse levar a cabo durante os próximos días e, unha vez rematadas, suporán unha mellora moi significativa para os barrios da Estación, de Rioseco e das Cruces”. O Alcalde engade que “estas tres zonas nas que imos  acometer estes traballos, levaban moitos anos sen que se fixera nelas ningunha obra, xa era hora de que os veciños que viven nestas zonas da cidade tamén gocen das actuacións de mellora que vimos realizando dende o Concello”.

 

Rúa Pardo Bazán

 

As obras programadas inclúen a renovación da rede de abastecemento de auga así como as acometidas das vivendas. Ademais, vaise renovar a beirarrúa da marxe esquerda e toda a rúa dotarase dunha nova capa de asfalto.

 

Rúa Padre Feijóo

Neste caso, está previsto actuar na marxe esquerda da vía do ferrocarril. Colocarase unha rampa para poder facilitar os accesos ós garaxes da zona así como ás vivendas. Posteriormente, vaise aplicar unha capa de aglomerado en quente.

 

Rúa Chamoso Lamas

Neste caso, a actuación vai beneficiar ós barrios de Rioseco e das Cruces. Precisamente fronte a estación de ferrocarril vaise instalar un reductor de velocidade.

 

Obras en todos os barrios

 

Durante a presentación deste novo proxecto, o Alcalde destacou que “o noso compromiso era levar adiante melloras en todos os barrios da cidade, para que todos os veciños se beneficien delas, independentemente de onde vivan”.

 

José Tomé engadiu que “imos continuar nesta liña de traballo, de feito nos próximos días daremos a coñecer outro proxecto que beneficiará a outras sete rúas da cidade, e que tamén estarán executadas antes do 30 de abril, e que igualmente beneficiará a barrios que ata o de agora estiveron esquecidos”.

 

O mandatario local apuntou tamén que “esta é a primeira vez que hai tantas rúas en obras en Monforte, entre elas, Juan Montes, Duquesa de Alba, rúa da Estrela, do Conde, Zapardiel, Pardo Bazán...”.