As obras de pavimentación na rúa do Conde comezarán o luns, 26 de febreiro

O Concello informa ós cidadáns que o vindeiro luns, 26 de febreiro, comezarán os traballos de pavimentación da rúa do Conde. Por ese motivo, e para facilitar o acceso das máquinas á zona, vai ser preciso cortar o tráfico na praza do Conde. A previsión é que estas obras se prolonguen durante varias semanas e, polo tanto, durante todo ese tempo non vai ser posible circular cos vehículos pola praza do Conde. Os axentes da policía local sinalizarán axeitadamente o tráfico.

 

A obra que se está realizando na rúa do Conde consiste na eliminación de barreiras arquitectónicas, na reordenación e renovación do pavimento: “a rúa do Conde, a pesar de ser unha rúa céntrica, que pertence ó casco histórico da cidade, sempre foi a grande esquecida e non se recorda ningunha obra de mellora en décadas”, indica o Alcalde, “xa era hora de mellorar integramente as condicións desa rúa para poñela en valor, porque ademais leva o nome que fai referencia a que Monforte é unha cidade condal”, engade José Tomé.

 

 As obras postas en marcha polo Concello van permitir reducir o grao de perigosidade ó que se expoñen os peóns, melloras nos accesos ás vivendas e e unha regularización das condicións do tráfico.

 

Obxectivos das obras

 

A actuación na rúa do Conde quere dar resposta a unha demanda dos residentes, que debido á estreiteza da rúa, vén limitado o acceso ás súas vivendas polo estacionamento irregular de vehículos.

 

Ademais, o pavimento actual é unha capa de formigón moi antigo, mesmo foi remendado por treitos trala apertura de zanxas para introducir as redes de servizos. Esta situación xera embalsamentos de auga, que provocan incomodidades ós veciños.

 

O Alcalde sinala que “a reurbanización da rúa do Conde ten como obxectivo mellorar as condicións do tránsito da vía, independizando nos treitos que o ancho o permita, o tráfico rodado do peonil; eliminar as barreiras arquitectónicas existentes no pavimento e dotar de elementos disuasorios que impidan o estacionamento non autorizado”.

 

Por outra parte, vaise rebaixar lixeiramente a calzada para o tráfico rodado naquelas zonas nas que, polas condicións de amplitude da vía, deba coexistir o tráfico de vehículos e de peóns.

 

Tamén se vai impedir o estacionamento de vehículos fronte os accesos ás vivendas mediante a colocación de bolardos.

 

Esta obra está incluída dentro do Plan Único da Deputación. O Concello aporta 42.916 euros, unha cifra que representa o 25% do total, mentres que o organismo provincial vai achegar 128.749 euros, o 75% restante. O custe total ascende a 171.665 euros.