O Concello celebra o Día Internacional da Muller coa elaboración do III Plan de Igualdade, con risoterapia, teatro e charlas

O Concello de Monforte conmemora o Día Internacional da Muller cun amplo programa. A primeira das actividades é un obradoiro de risoterapia, que se vai celebrar o martes, 6 de marzo, de 19 a 20:30 horas na Sala de Actividades do Centro Cívico, ubicado no Paseo do Malecón. Neste caso, as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente no Centro de Información á Muller (CIM). Haberá unha segunda oportunidade de acudir a este obradoiro, será unha semana despois, o martes 13.

 

A seguinte actividade chega co propio Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Ás 12 do mediodía a praza do Concello acollerá unha concentración e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, será a encargada de ler o manifesto.

 

Un día despois, o 9 de marzo, os alumnos de primaria dos centros educativos visionarán o conto Balbina López Somoza, unha muller para o 8 de marzo, ademais os rapaces recibirán un exemplar do libro. Esta actividade terá como escenario o salón de actos do Centro Cívico e será de 11 a 12:30 horas.

 

O sábado, 10 de marzo, o grupo de teatro Teatreir@s porá en escea a obra Questión de equidade. Neste caso, será na Casa da Cultura a partir das 20 horas.

 

O luns, 12 de marzo, as mulleres que desexen conseguir o certificado de profesionalidade, comezarán a recibir a chamada formación competencias clave nivel 2. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán realizar a inscrición no Centro de Información á Muller (CIM).

 

O mércores, 14 de marzo, a educadora social Aixa Permuy impartirá unha charla sobre prevención da saúde na muller O pensamento positivo, unha forma de vida. A cita é na Casa da Cultura a partir das 20 horas.

 

O xoves, 15 de marzo, os alumnos da escola infantil municipal gozarán dun espectáculo de contacontos, El mundo mágico de Fresara. Comezará ás 18 horas.

 

 

 

Plan de Igualdade

 

Outra das actividades é a mesa de traballo para a elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Monforte, que se vai celebrar o 16 de marzo no salón de plenos. A primeira das mesas será ás 12:30 horas e vai dirixida a persoal político e técnico. A segunda delas comezará ás 13:30 e, neste caso, está pensada para as asociacións, colexios e sindicatos.

 

Precisamente, a elaboración  do III Plan de Igualdade é un proceso participativo e, polo tanto, fan falta as achegas e as suxestións de todas as persoas implicadas. Neste punto, tamén cómpre a opinión dos veciños e veciñas de Monforte. Por ese motivo, a través da páxina web, o Concello habilita un enlace para dar resposta a un cuestionario. Esta enquisa servirá de punto de partida para ter unha diagnose da sociedade e poder elaborar así o III Plan de Igualdade.

O enlace directo á enquisa é: http://senescit.es/estudios/index.php?sid=44829&lang=gl

Archivos Adjuntos: