O Concello convoca o concurso de atletas e clubs máis destacados do ano 2017

O Concello de Monforte convoca a sexta edición do concurso para elixir os atletas e os clubs máis destacados do ano 2017, incluíndo as categorías de adestradores e árbitros. As bases definitivas, que se poden consultar en Documentación Adicional, recollen, entre outras, as seguintes cuestións:

 

Categorías

 

•   Mellor deportista, masculino e feminino

•   Mellor deportista promesa, masculino e feminino

•   Mellor adestrador ou adestradora

•   Mellor árbitro ou xuíz

•   Entidade Deportiva ou club máis distinguido en canto á promoción do deporte

•   Premio á deportividade e ó xogo limpo

 

A novidade desta edición é unha nova categoría denominada Excelencia Deportiva que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles candidatos que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresalientes. 

 

A presentación de candidaturas poderán ser feitas por clubs e entidades deportivas, deportistas así como por membros do xurado e persoas relacionadas coa actividade física e o deporte municipal. As candidaturas poderán ser presentadas polos propios candidatos ou por terceiras persoas.

 

As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, o derradeiro día para presentalas é 28 de marzo ás 14 horas.

 

As solicitudes deberán conter obrigatoriamente a seguinte documentación:

 

•   Instancia de solicitude asinada polo interesado

•   No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador,  relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2017 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc...)

•   No caso de optar ao premio a mellor árbitro, relación detallada da súa actividade como árbitro – xuíz durante 2017.

•   No caso de clubs e entidades deportivas que opten ao premio á promoción do deporte, deberá facerse unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que deberían ser considerados como a entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte.

•   Para participar na categoría de premio á deportividade e ó xogo limpo deberase entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte que o candidato mostrou durante a actividade levada a cabo no ano 2017.

•   Reportaxe fotográfica ou audiovisual dos atletas ou clubs participantes, en formato dixital.

 

Unha vez finalizado o prazo de solicitudes farase pública a listaxe das candidaturas que optan á elección. Os vencedores de cada categoría daranse a coñecer na Gala do Deporte Monfortino, que se celebrará nunha data aínda por determinar.

 

En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo.

 

Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo  do concurso.