O Alcalde segue adiante co seu obxectivo de mellorar as rúas da cidade e esta mañá presentou un novo proxecto que beneficiará, principalmente, ás zonas periféricas de Monforte: “desta volta, os traballos serán nas rúas Doutor Fleming, Ponte dos Picos, Muíños de Antero, Filgueira Valverde, o camiño de Guntín e ademais, instalarase un redutor de velocidade na Estrada de Piñeira-A Vide e construiremos un paseo na estrada de Piñeira ata a estrada do Reboredo”, detallou José Tomé.
Estas vías disporán dunha nova capa de aglomerado en quente, de 5 centímetros de espesor. Esta actuación suporá unha mellora da pavimentación. Por outra parte, vaise proceder ó pintado de sinalización horizontal así como á colocación de sinais verticais.
O investimento destinado a este proxecto ascende a 83.000 euros.
Rúa Doctor Fleming
O Alcalde explicou que “neste caso, dámoslle continuidade á plazuela da rúa da Estrela, ata o paso da vía de ferrocarril, cunha capa de aglomerado en quente en todo o ancho da rúa. O máis relevante da mellora da rúa Doctor Fleming é que, por primeira vez, se vai a asfaltar o barrio dos Beneiras”, detalla José Tome, “resulta curioso que a estas alturas o barrio dos Beneiras, integrado na zona urbana de Monforte, aínda hoxe ten o firme de terra”.
Rúa Ponte dos Picos
A obra consiste nunha mellora integral do barrio, así como dos accesos. Vaise actuar dende a vía do ferrocarril ata a saída á rúa Benito Vicetto, nas proximidades da rotonda da Nacional 120, e inclúe tamén o espazo que hai entre as vivendas do propio barrio dos Picos.
Muíños de Antero
Os traballos consisten na dotación dunha capa de rodadura dende o paso da vía do ferrocarril, na unión coa rúa da Estrela, ata o cruce con Benito Vicetto. José Tomé destaca que “deste xeito, conseguimos unha mellora integral de toda esa zona, posto que xa realizamos obras nas rúas Benito Vicetto, Malvarón e A Estrela”.
Filgueira Valverde
Neste caso, o Alcalde apunta que “se trata dunha rúa moi deteriorada e que leva moitos anos sen ser arranxada, a pesar de que alí houbo unha certa actividade industrial relacionada coa carpintería metálica, co automóbil, e coa hostalería. Será pavimentada e sinalizada axeitadamente para permitir a ordenación dos estacionamentos”.
Paseo dende a estrada de Sober ata estrada do Reboredo
Ademais do aglomerado en quente, vaise habilitar un carril bici, que será sinalizado convenientemente, con liñas e balizas.
Reductor de velocidade
Vaise instalar na estrada que vai de Piñeira ata A Vide, “o que pretendemos é dar unha solución ós accidentes que, con certa frecuencia, se producen no cruce desta estrada coa estrada da Deputación”.