A Praza de Abastos acollerá un mercado para a Feira Medieval a fin de semana do 17 e 18 de marzo

O Concello de Monforte quere conseguir a máxima implicación dos cidadáns para celebrar a XVI Feira Medieval, que terá lugar os días 31 de marzo e 1 de abril. Por ese motivo, a Praza de Abastos vai acoller durante a fin de semana do 17 e 18 de marzo, un mercado específico no que adquirir todo tipo de elementos para o evento.

 

En total haberá 16 stands nos que o público atopará traxes medievais confeccionados á man, tanto para adultos como para nenos. Ademais, vai ser posible mercar calzado da época e alfarería tradicional, como é o caso da de Gundivós. Os visitantes tamén van atopar ideas relacionados coa perruquería e a estética.

 

        Horario do mercado

O horario do mercado será de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas, durante a xornada do sábado. No caso do domingo, 18 de marzo, o mercado só abrirá en horario de mañá, concretamente, de 11 a 14 horas.

O sábado, ás 18:30 horas, haberá un desfile medieval. O público asistente terá ocasión de contemplar os traxes, peiteados e maquillaxes da época. 

Os máis pequenos da casa teñen unha cita os obradoiros previstos para a xornada do domingo. Serán de 12 a 14 horas. Neles os cativos aprenderán a facer escudos, espadas, coroas de flores, pelotas de malabares e carteiras de tea. Estes obradoiros serán de balde e admiten un máximo de 20 persoas, polo que o mesmo día do mercado cómpre anotarse previamente.

 

Decorados de establecementos

 

Durante os dous días vai ser posible contemplar exposicións de decorados de establecementos hostaleiros ambientado na época, mesas medievais e centros de flores. Por outra parte, vanse presentar os menús e as tapas que os establecementos monfortinos ofertarán durante a celebración da Feira Medieval.

 

 

As pastelerías da cidade tamén participarán no mercado cunha exposición de tartas e biscoitos inspirados no medievo.

O Alcalde explica que “o obxectivo deste evento é facilitar e fomentar que os establecementos da nosa cidade, así como todos os veciños, se involucren cada vez máis na ambientación da Feira”.

 

Concurso de balcóns

 

Precisamente, o Concello organiza varios concursos relacionados coa Feira Medieval, un deles é o de decoración de balcóns. As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa no Rexistro Xeral. O prazo para facelo remata o vindeiro 26 de marzo.

 

A decisión do xurado farase pública o sábado, 31 de marzo, ás 19:30 horas, na Praza de España. Haberá premios de 100, 75 e 50 euros. O mercado da vindeira fin de semana na Praza de Abastos pode servir para coller ideas, posto que tamén vai ser posible contemplar diferentes exemplos deste tipo de decoración.