O Instituto Municipal de Drogodependencias vaise trasladar ó edificio do ADIF, ubicado na Praza da Estación

As actuais dependencias de Drogodepencias vanse trasladar ó edificio do ADIF, ubicado na Praza da Estación e coñecido tamén como Cuarto dos Axentes. O Alcalde, José Tomé, explicou que “se trata dunhas instalacións ás que, ata o de agora, non se lles daba uso, polo que dende o Equipo de Goberno decidimos darlle utilidade ós locais polos que o Concello paga un alugueiro”. A previsión é que o traslado se realice ó longo do derradeiro cuadrimestre do ano; todo dependerá de como evolucione o desenvolvemento da obra.

 

O Concello de Monforte ten alugado este edificio do ADIF dende xaneiro de 2011, e ó longo de todo este tempo, non se dera ningún uso: “o pasado ano regularizamos os alugueres dos edificios que o Concello ten co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o que incluía a nave do Museo do Ferrocarril e o propio cuarto dos axentes. Deste xeito, reducimos os custes do alugueiro e fraccionamos a débeda dos  últimos anos do pasado mandato”, explicou o mandatario local.

 

Obra de acondicionamento

 

José Tomé explicou que “aínda que o edificio dispón de varios andares, só imos acondicionar a planta baixa, posto que ten espazo suficiente para desenvolver as súas actividades”.

 

O Alcalde destacou tamén que, á hora de decidir esta obra de acondicionamento, o Equipo de Goberno quixo contar coa opinión dos propios traballadores do servizo de Drogodependencias “para que manifestaran as necesidades de espazo, así como a súa distribución; e así llo requerimos á directora do Centro Asistencial”.

 

O rexedor detallou que a distribución e a superficie dos habitáculos responde á proposta da directora, Ana María Fernández Sobrino, no nome de todos os profesionais que traballan actualmente no edificio de Sanidade.

 

A planta baixa do edificio conta cunha superficie total construída de 306 metros cadrados, mentres que a superficie útil para desenvolver as actividades de Drogodependencias é de 265,70 metros cadrados. Este espazo disporá de 14 salas e despachos.

 

En concreto haberá:

 

•   Unha sala de espera

•   Dous baños

•   Unha sala de terapias

•   Un laboratorio

•   Un taller

•   Un almacén

•   Cinco despachos

 

O que suma en total, 12 ocos.

 

O Alcalde destacou que “a maiores das necesidades que nos fixeron chegar, os traballadores de Drogodependencias aínda van poder dispoñer doutros dous despachos a maiores, isto quere dicir que a superficie e a distribución do baixo da unha resposta suficiente e axeitada ás necesidades”.

 

O custe desta obra ascende a 90.000 euros, co IVE incluído, e será financiada con cargo ó Plan Único da Deputación Provincial de Lugo.

 

Por outra parte, o mandatario local fixo fincapé en que o traslado do Instituto Municipal de Drogodependencias ó barrio da Estación vai beneficiar tamén ós establecementos comerciais desta zona da cidade.