Preto de 400 persoas están inscritas na X Carreira Popular

Polo de agora, 370 persoas están inscritas para participar na carreira popular de Monforte, que se celebrará o vindeiro 29 de abril. O evento deportivo é un dos máis importantes que organiza a administración municipal, debido ó seu marcado carácter popular e que conta cun importante número de participantes.

 

O prazo para poder inscribirse estará aberto ata o vindeiro xoves, 26 de abril. Aqueles que estean interesados en participar, poden acceder á plataforma online www.championchipnorte.com. Unha vez dentro, deben dirixirse ó evento deportivo X Carreira Popular Concello de Monforte.  Polo que respecta ós centros educativos, teñen de prazo ata o venres, 20 de abril, para realizar as inscricións colectivas. Por outra parte, tamén existe a posibilidade de dirixirse persoalmente á Oficinal Municipal de Deportes do Concello, ubicada nas Casitas da Compañía, para poder tramitar a inscrición.

 

Características da X Carreira Popular

 

O evento está composto de seis carreiras, cinco delas son de categorías de menores de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros,  mentres que a carreira absoluta é de 7.000 metros.

 

O inicio das probas de menores será  ás 11 da mañá e a carreira absoluta tomará a saída unha hora máis tarde, ás 12 horas. Todas as carreiras teñen un percorrido totalmente urbano e moi atractivo, xa que parten da Explanada da Compañía e discorren por varias rúas do casco histórico da cidade.

 

Entre as probas de menores e a proba absoluta establécense un total de 14 categorías, un feito que da lugar a un reparto importante de premios, xa que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo conmemorativo do evento. A única categoría na que non haberá clasificación é na mini, na que os participantes levarán unha medalla e unha bolsa de lambetadas, como agasallo por rematala carreira.

 

Ademais, haberá premios especiais para os mellores atletas locais e para os gañadores e gañadoras absolutos e absolutas da proba. Como novidade, nesta edición haberá clasificación por equipos, que todas as persoas interesadas poderán confeccionar a través da plataforma de inscricións.

 

Estes equipos estarán compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 6 compoñentes, obrigatoriamente terán que ser mixtos,  é dicir, a metade do equipo terán que ser homes e a outra metade mulleres. Tamén recibirá un agasallo o centro educativo con maior número de atletas inscritos que crucen a liña de meta o día da proba.

 

Todas as persoas participantes que rematen cada unha das carreiras nas que participen recibirán unha camiseta conmemorativa do evento, así como avituallamento sólido e líquido.

 

Dende o Concello de Monforte animamos a  toda a xente a participar nalgunha das carreiras e a presenciar o evento que, sen dúbida, merecerá a pena.