A conta xeral do Concello de Monforte demostra que a administración municipal goza dunha solvencia económica como nunca tivera ata o de agora. Así o afirmou o Alcalde, José Tomé, nunha roda de prensa na que destacou que “co exercizo económico de 2017 xa pechado, constatamos que se vén realizando unha moi boa e rigorosa xestión económica”.
En concreto, o pasado ano pechouse cun superávit de 2.194.188 euros no Concello, “un feito que demostra que cumprimos co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto”, aclarou o mandatario local.Por outra parte, José Tomé detallou que “nestes 3 anos que levamos de mandato, o remanente de tesourería pasou de 2.062.424 a 7.399.832 euros, polo tanto, incrementamos o aforro en 5.337.408 euros”.
Outro dos datos que o Alcalde puxo enriba da mesa é que a débeda do Concello, a 31 de decembro de 2017, era de 1.151.821 euros, “o que significa que, en 3 anos, reducimos a débeda en 148.742 euros, é a cifra máis baixa que tivo o Concello en varias décadas”.
Débeda cero, seguinte obxectivo
José Tomé detallou que “estes excelentes datos económicos conseguímolos mellorando a recadación e reducindo o gasto corrente o mínimo necesario, ademais fomos capaces de incrementar o gasto social, así como as inversións e as actividades culturais”.
O mandatario local non só expresou a súa satisfacción, senón que tamén manifestou que “queremos dar un paso máis e acabar o mandato con débeda cero no Concello. Para iso, imos levar a pleno unha modificación de crédito que nos permita amortizar toda a débeda bancaria que se pode amortizar este ano, que ascende a 1.226.606 euros”.
José Tomé explicou que a cancelación da débeda do Concello de Monforte vaise acometer sen que corra ningún perigo o remanente de tesourería: “coa eliminación da débeda, aínda quedan 6.173.229 euros, o que triplica os remanentes que había cando chegamos ó Goberno en 2015”, detallou o rexedor.
Ademais, o Alcalde anunciou que “no proxecto de orzamentos que se presente para o próximo 2019, xa non se recollerá ningunha solicitude de crédito bancario”.
José Tomé subliñou que “os números oficiais falan por si sos, e queremos que cando acabemos o mandato os monfortinos non deban nin un só euro, a nosa vontade é que sexan os cidadáns máis solventes de calquera Concello”.