O Alcalde, acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, anunciou que a Xunta de Galicia vén de desestimar o recurso de alzada, interposto polo Concello, para declarar a Feira Medieval de Monforte como Festa de Interese Turístico de Galicia.
José Tomé lamenta que, para rexeitar este recoñecemento, o goberno galego só alega que a Feira carece da antigüidade mínima de 20 anos: “o que nos din é que o instrumento da dispensa é unha posiblidade pero non é unha obriga; polo tanto, veñen a dicirnos que non lles da a gana de concerdelle a Monforte este distintivo, a pesar de que cumprimos cos requisitos esixidos”.
Por outra parte, o rexedor apunta que “o escrito da Xunta lémbranos que cando o evento cumpra os 20 anos, poderemos solicitar a declaración, pero ademais, tamén nos suxiren a posiblidade de interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante os xulgados; pero iso non o imos facer. Darlles esa ledicia significa entrar nunha maraña legal, que vén durar o mesmo tempo que falta para que a Feira Medieval cumpra os 20 anos”
O mandatario local engadiu que “o Concello de Monforte solicitoulle á Xunta a declaración da Feira Medieval como Festa de Interese apoiándose na singularidade do evento, no arraigo que ten na comarca, na realización de accións promocionais, no seu valor cultural e na continuidade do evento no tempo; aspectos todos eles que aparecen recollidos na normativa do goberno”.