Isabel Pardo de Vera Posada recolle o premio Monforte al Ferrocarril na Casa Consistorial

A Casa Consistorial acolleu esta mañá a entrega do terceiro Premio Monforte al Ferrocarril, un recoñecemento outorgado pola Asociación Monfortina Amigos do Ferrocarril (AMAFER) e que desta volta recaeu en Isabel Pardo de Vera Posada, Directora Xeral do Departamento de Explotación e Construción do ADIF.

 

A premiada tivo palabras de agradecemento e destacou que “se trata dun premio que me obriga aínda máis no empeño de que a provincia de Lugo dispoña da mellor conexión ferroviaria posible”. Isabel Pardo de Vera engadiu “pódolles asegurar que farei todo canto estea na miña man para que todos os actores do cambio que precisa a rede consigan o impulso necesario, en xustiza coas esixencias da miña terra”.

 

Pola súa parte, o Alcalde, José Tomé, destacou a importancia de conceder este premio a unha muller “porque o mundo ferroviario era de homes, e eu creo que é xusto recoñecer o traballo daquelas mulleres que dedicaron e dedican a súa vida ó ferrocarril”.

 

O mandatario local aproveitou para pedirlle a Isabel Pardo de Vera que se siga implicando para que a historia de Monforte se manteña da man do ferrocarril: “ a cidade do Cabe ten que seguir xogando un papel primordial, tanto no que se refire ó transporte de persoas, como á loxística e o transporte de mercadorías polos camiños de ferro”. José Tomé lembrou que “é fundamental a construción da variante ferroviaria que permita a supresión dos 6 pasos a nivel que temos no casco urbano”.

 

O galardón Monforte al Ferrocarril ten carácter bianual. Na primeira edición, celebrada en 2014, AMAFER rendeu homenaxe ó secretario xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, José Luis Cachafeiro. Dous anos despois, en 2016, o premio foi para o ex director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín.