As terrazas dos locais de hostalería do Cardenal e da Praza de España estarán delimitadas por biombos

O Alcalde, José Tomé, anunciou que o Concello vai acoutar o espazo destinado ás terrazas dos locais de hostalería ubicados na rúa do Cardenal e na Praza de España. En concreto, o mandatario local detallou que se van instalar biombos de cor burdeos, combinarán unha parte da súa estrutura metálica con outra acristalada: “o espazo destinado a terrazas será semellante para cada un dos hostaleiros, oscilará entre os 43 e os 47 metros cadrados para cada un deles”. En total, a administración municipal vai instalar un total de 35 biombos, todos eles terán unha altura de un metro. A previsión do Concello é que se coloquen antes do inicio do mes de xullo.

 

Á hora de delimitar o espazo destinado a cada unha das terrazas, a administración municipal tivo en conta a circulación de peóns, así como dos vehículos de servizo público, especialmente os camións de bombeiros: “precisamente, o Concello requiriulle ó parque de bombeiros as dimensións dos seus vehículos; e a maiores, a Policía Local elaborou un informe no que se constata que existe amplitude suficiente para que poidan circular este tipo de camións”.

 

José Tomé explicou que “dende o Equipo de Goberno queremos facilitar a instalación de terrazas que contribúan ó éxito dos establecementos hostaleiros, pero loxicamente, dentro dunha orde que faga compatible o uso público co uso privado”.

 

Autorización de Patrimonio

 

Para lograr este obxectivo, a Oficina Municipal de Rehabilitación elaborou un Informe-Proposta que se lle enviou á Comisión Provincial de Patrimonio, posto que estes establecementos están ubicados no casco histórico. A autorización correspondente recibiuse no Concello comezos do pasado mes de marzo: “tralo visto bo de Patrimonio, mantiven reunións con cada un dos hostaleiros, encontros no que tamén estiveron presentes o Técnico de Contratación e a Arquitecta da Oficina de Rehabilitación”, detallou o rexedor, “e todos eles manifestaron que lles parecía razoable a actuación que pretendía realizar o Concello”.

 

O Alcalde lembrou que a lexislación permite o uso do espazo público para destinalo a terrazas, pero sempre dentro duns límites: “cada administración municipal regula a concesión de terrazas en función das súas características, no caso de Monforte, sempre foi unha cidade permisiva coa autorización de terrazas, o que deu lugar a que se producise algunha situación de abuso respecto da ocupación de espazo público”.

 

José Tomé engadiu que “dende hai xa bastantes anos, prodúcense queixas pola excesiva ocupación de espazo público destinado a terrazas, o que dificulta a súa utilización polo resto de cidadáns”.

 

De feito, o Alcalde xa enviara un escrito á Asociación de Hostalería de Monforte en xuño do pasado ano, para amosar a preocupación do Concello tralo suceso acontecido na rúa do Cardenal, cando unha ambulancia tivera dificultades para acceder ó punto no que unha persoa precisaba de asistencia sanitaria.

 

Nesa carta, José Tomé detallaba que, no caso de que o espazo destinado ás terrazas fose excesivo, o Concello procedería a realizar unha delimitación dos mesmo.