O Concello licita as obras de mellora da depuradora do polígono industrial de O Reboredo

2 de agosto de 2018. O Concello vai realizar obras de mellora na depuradora do polígono industrial de O Reboredo, para  aumentar a súa capacidade de tratamento en 219.000 metros cúbicos ó ano, unha cifra que supón un aumento de preto do 50%. A previsión é que a actuación estea rematada a mediados do vindeiro mes de outubro. O prazo de presentación de ofertas comeza hoxe e estará aberto ata o vindeiro 23 de agosto.

O Alcalde, José Tomé, explica que “a actual depuradora, construída na década dos anos 80, non garante unha depuración de calidade. Actualmente, a instalación recibe vertidos de augas residuais que levan unha carga contaminante de orixe orgánica superior ás de aquel momento”.

O mandatario local engade que esta situación se debe ó incremento da actividade industrial dende que se deseñou a depuradora do polígono: “a liña de tratamento actual non ten capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos límites de vertido que establece a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil”.

 

 

O saneamento, unha das prioridades

A mellora do saneamento, tanto na cidade como nas áreas industriais, foi unha das prioridades do Equipo de Goberno durante este mandato. Proba diso, son as obras que se realizaron para suprimir puntos de vertido ó río Cabe, mediante a instalación de estacións de bombeo; ou a construción da depuradora do Porto Seco.

Co anuncio desta nova actuación, o Alcalde asegura que “a obra de mellora da depuradora do polígono industrial estivo sempre na axenda do Equipo de Goberno, de feito, é a terceira vez que intentamos sacala adiante e, por fin, vemos cumprido este obxectivo”.

 

 

Proxecto de mellora da depuradora do polígono industrial

A obra que se vai realizar consiste na instalación dun novo tratamento de aireación con fangos activos, composto polos seguintes elementos:

•   Catro parrillas elevables, con 75 difusores de aire cada unha delas

•   Dous soplantes para un caudal de 1.450 metros cúbicos normais por hora, é unha medida de volume dun gas non condensable a 0 graos e nivel do mar) e cabina de insonorización

•   Vibrador de frecuencia para controlar o funcionamento dos soplantes

•   Dúas sondas de medida en continuo, unha de osixeno disolto e outra de potencial redox, cun controlador común para ambas sondas.

•   Un sistema de dosificación de cloruro férrico para propiciar a precipitación química do fósforo

•   Cadros eléctricos, control de motores e control de xestión do proceso.

•   Execución de varias obras accesorias no bombeo de recirculación de fangos e nos depósitos de decantación e no espesado de fangos

•   Execución dun pequeno edificio auxiliar construído con bloques prefabricados cuxas medidas son de 8x5 e 2,80 de alto. Unha superficie duns 40 metros cadrados

Trala realización da obra vaise mellorar o funcionamento xeral da instalación, adaptando o aporte de osíxeno á demanda real de cada momento, mediante o control entre as sondas de medición e  o variador de frecuencia; o que permitirá cumprir cos límites de vertido esixidos por normativa.

A licitación das obras ten un custe de 147.854 euros. Unha parte desa cantidade vaise financiar cunha axuda da Consellería de Industria, o resto, serán cartos das arcas municipais.

 

A mesa de contratación vaise reunir o vindeiro o 27 de agosto, ás 9 da mañá.