O Alcalde presidíu, coa Subdelegada do Goberno, a reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade para reforzar o dispositivo de busca de Carlos Yáñez

17 de agosto de 2018. A Casa do Concello acolleu esta mañá unha reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade, que estivo presidida polo Alcalde, José Tomé, e pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Na orde do día figuraba a necesidade de reforzar o dispositivo de busca de Carlos Yáñez, máis coñecido como Misi, ao que se viu por última vez na Praza Doutor Goyanes, o pasado 4 de agosto.

O mandatario local decidíu convocar esta reunión ante a falta de resultados do intenso traballo que durante todos estes días veu realizando a Policía Nacional.

José Tomé detallou que "a partir de mañá imos intensificar os traballos de busca de Carlos Yáñez, Misi, con novos efectivos por auga, terra e aire. En concreto, desde primeira hora da mañá, membros do Grupo Especial de Actividades Acuáticas (GEAS), que depende da Garda Civil comezarán a inspeccionar as augas do río, e do canal, sobre todo, daqueles puntos nos que haxa rejillas e comportas". Por outra banda, José Tomé, explicou que a Policía Local intensificará o seu traballo nas próximas horas.

A maiores, un helicóptero da Policía Nacional inspeccionará Monforte e os seus arredores a partir de mañá. A estes efectivos, tamén se unirán cans de busca do Servizo de Urxencias de Galicia que, segundo o rexedor "servirán de reforzo especialmente para mirar nos puntos onde haxa maleza, ou ben, polas beiras do río e incluso do canal".

 

Esta mesma tarde, a Policía Nacional comezará os traballos de coordinación de todos estes equipos para que, a partir de mañá se poidan desenvolver as novas tarefas de busca.

 

José Tomé manifestou o seu desexo de que "con todo este reforzo do operativo oxalá consigamos algún resultado. En caso contrario, non descartamos a necesidade de botar man de drones, para chegar a aquelas zonas máis reducidas, ou ata, organizar batidas, iso si, ben coordinadas".

 

Logo de adoptar estas decisións, o Alcalde mantivo unha reunión coa Presidenta de PRODEME para transmitirlle personalmente o acordado na Xunta Local de Seguridade.