José Tomé Roca acudirá a dita presentación tras a invitación oficial cursada polo Ministro de Fomento, José Luis Ábalos. A cita será no salón de actos da sede do Ministerio de Fomento en Madrid a partires das 10:45 horas e nela o rexedor monfortino coñecerá de primeira man as últimas novidades do Corredor, de enorme importancia para Monforte.
Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudirá mañá a unha importante cita no Ministerio de Fomento, en Madrid. Trátase da presentación oficial do Corredor Atlántico de Mercadorías, acto que estará presidido polo Ministro de Fomento, José Luis Ábalos.
Deste xeito a presentación, que terá lugar mañá mércores día 20 a partir das 10:45 no salón de actos do Ministerio, servirá para dar a coñecer as últimas novidades arredor do Corredor Atlántico, aspectos que son de gran interese para Monforte e a súa comarca.
O Corredor Atlántico é un corredor ferroviario de pasaxeiros e mercadorías que conecta os portos da fachada atlántica co interior da Península e o resto de Europa, e pertence á rede básica da Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T). Xunto co Corredor Central e o Corredor Mediterráneo serán as tres principais redes de transporte tanto de persoas como de mercadorías da Península Ibérica co resto do continente europeo.
O itinerario entre León e Vigo a través de Monforte de Lemos foi, xunto ao de León-Xixón, o último tramo engadido, en xullo de 2018, pola Comisión Europea para formar parte dos fondos Conectar Europa. Agárdase que a plataforma ferroviaria sexa de altas prestacións para dar saída a unha grande tonelaxe de mercadorías procedentes do porto de Vigo.