Monforte de Lemos, 12 de marzo de 2019. A Concellería de Igualdade de Monforte, a través do Centro de Información á Muller (CIM), dentro da programación organizada co gallo do 8 de marzo “Día Internacional da Muller” desenvolve as XII Xornadas de Prevención na Saúde na Muller.
Así, mañá mércores 13 de marzo ás 20:00 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura, Dona Mª Reyes Pérez Fernández, profesora doutora da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, impartirá a charla titulada “Mulleres e saúde cardiovascular: Cincentas do Corazón” na que falará sobre a prevención das enfermidades cardiovasculares entre a poboación feminina.
As enfermidades cardiovasculares son responsables aproximadamente do 30% das mortes no mundo, constituíndo a principal causa de mortalidade en España entre a poboación feminina, a pesares de que a maioría da sociedade considera que se trata dunha enfermidade típica dos homes.
A poñente durante a súa intervención centrarase na importancia da educación para a saúde para a prevención deste tipo de patoloxías, abordando os factores de risco modificables cambiando o estilo de vida para a prevención deste tipo de enfermidades, establecendo estratexias preventivas e de promoción da saúde nas mulleres.