Mañá mércores ábrese o prazo para inscribirse nas actividades do Programa Activa Monforte 2019

Monforte de Lemos, 12 de marzo de 2019. O Concello de Monforte porá mañá mércores en marcha as actividades do Programa Activa 2019 que se desenvolverá nos meses de abril, maio e xuño tanto no Centro Cívico Social coma nas parroquias.

Os obxectivos do programa non son outros que favorecer o envellecemento activo dos seus participantes, promover o intercambio interxeracional e a participación social dos veciños e veciñas de Monforte.

Deste xeito, ofértanse un total de 24 actividades no Centro Cívico, unha máis que en 2018, divididas en dous bloques segundo a idades (actividades para maiores de 55 anos e actividades para maiores de 14 anos) e 6 actividades nas parroquias.

Convócanse un total de 590 prazas (en 2019 foron 545 prazas) das cales, 340 corresponden a actividades do Centro Cívico e 250 prazas ás parroquias.

 

Activa 2019 no Centro Cívico

As actividades ofertadas no Centro Cívico de Monforte son:

  •  Ximnasia de mantemento
  • Ximnasia acuática
  • Conservando a memoria
  • Risoterapia,
  • Manexo do móbil
  • Internet e correo electrónico
  • Informática de iniciación
  • Informática presentación open office
  • Inglés para maiores
  • Artesanía e manualidades
  • Costura creativa e reciclaxe
  • Encaixe de paliños
  • Baile (nivel iniciación e perfeccionamento)
  • Cociña consciente e saudable
  • Fotografía dixital
  • Beleza e saúde natural
  • Trucos e ideas para o día a día.

As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades do Centro Cívico poderán presentar a súa solicitude na Secretaría dos Servizos Sociais situada no primeiro andar de dito centro cívico, no Rexistro situado na casa do Concello ou na sede electrónica a partir do día 13 de marzo e ata o 26 de marzo.

Activa 2019 nas parroquias

  • Ximnasia de mantemento
  • Conservando a memoria
  • Manualidades, b
  • Baile
  • Risoterapia
  • Reciclaxe e costura creativa.

No caso das parroquias, serán os representantes destas os que soliciten a concesión dunha actividade das ofertadas. Os/as veciños/as interesados en participar na actividade dirixiranse ó responsable da parroquia para inscribirse na actividade concedida.

As actividades desenvolveranse nunha primeira convocatoria no período abril-xuño e terán unha duración total de 20 h. cada actividade. Abrirase unha nova convocatoria en setembro para participar en actividades ofertadas de outubro a decembro.

As actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte e están subvencionadas ó 100 % polo Concello.

Novidades plan Activa 2019

  • Ampliación de oferta de actividades nas parroquias. Ademais das existentes o ano pasado ofértase a actividade de reciclaxe e costura creativa.
  • Increméntanse as actividades para persoas maiores de 55 anos. Ademais das ofertadas no ano anterior ofértase pilates, artesanía e manualidades e reciclaxe, costura creativa e encaixe de paliños.
  • Ampliación de prazas en actividades con maior demanda no ano 2018, creando 2 grupos: Pilates e móbiles e redes sociais. Así mesmo, mantéñense e grupos nas actividades de baile, costura creativa, ximnasia de mantemento e manualidades.
  • Actividades novas: Cociña consciente e saudable, informática presentación open office, trucos e ideas para o día a día e artesanía (unida ás manualidades).
  • Mantense a reserva prazas para persoas con discapacidade (1 praza por grupo)
  • Oferta de actividades a partir das 20h: Artesanía e manualidades, informática presentación en open office e baile.

 

CATÁLOGO Programa Actíva Monforte 2019.pdf

CONDICIÓNS PARA PARTICIPAR no Programa Actíva Monforte 2019.pdf

DíPTICO_CENTRO CÍVICO 2019.pdf

DíPTICO_PARROQUIAS_2019.pdf

SES-SS-135- CC - Inscripción programa ACTIVA - Centro Civico.pdf

SES-SS-135- PQ - Inscripción programa ACTIVA - Parroquias.pdf