Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2019. Monforte conta xa cun novo elemento que facilitará que os seus cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade. O pasado mes de febreiro o Alcalde, José Tomé Roca, deu a coñecer aos medios o proxecto meteorolóxico levado a cabo entre o concello e Meteogalicia, e que inclúe 3 dispositivos de información meteorolóxica:
- Unha Estación Meteorolóxica na Pinguela, que foi instalada en marzo na zona de céspede, xunto ás pistas de tenis.
- Unha Pantalla de Información Meteorolóxica e de Calidade do Aire xunto ó Concello, que se procedeu a instalar hoxe.
- Unha Cámara Web na muralla xunto á porta de acceso á Torre da Homenaxe, cuxa instalación está pendente de permisos de Patrimonio que está a xestionar Meteogalicia.
Na xornada de hoxe, procedeuse a instalar o segundo dos elementos, a Pantalla de Información Meteorolóxica e de Calidade do Aire, que se ubicou na esquina dereita do Concello, orientada cara a rúa e a Praza do Campo de San Antonio, onde remata a rampla de acceso lateral.
Pantalla de información meteorolóxica e calidade do aire
A pantalla, ademais de proporcionar información pública de Meteoroloxía e Calidade do aire, tamén vai permitir facer públicos outros temas de interese e seguridade para os cidadáns, como os avisos diante de Fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos da mala calidade do aire por contaminación.
As características da pantalla son as seguintes:
- Instalación en sentido horizontal.
- As dimensións son de 2 metros de longa por 1 metro de alta.
- Está colocada sobre un poste metálico de 2,20 metros de alto.
- Para poder realizar os labores de mantemento, está separada da parede do edificio entre 0,5 e 1 metro.
- Está conectada á rede de alumeado municipal.
O motivo de ubicala neste punto é para que dea información ós veciños en xeral, pero tamén ós peregrinos do Camiño de Inverno, dado que a ruta de peregrinación a Santiago pasa polo Campo de San Antonio na parte frontal do Concello.
O Alcalde valora moi positivamente este proxecto: “Creo que estas novas instalacións son un logro importante e colocamos as Monforte no mesmo ranking que o resto das cidades galegas en canto a información meteorolóxica se refire”.