O Concello de Monforte programa 17 actividades teatrais para o último trimestre do ano

Monforte de Lemos, 23 de setembro de 2019. O Concello de Monforte presentou hoxe unha ambiciosa programación teatral que traerá á cidade do Cabe 17 representacións teatrais que se desenvolverán durante o último trimestre do ano 2019.

A presentación desta completa programación, que fará de Monforte un referente do teatro ata finais de ano, correu a cargo da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, quen explicou polo miúdo “un completo programa de 17 obras de teatro, tanto para público adulto coma público familiar e infantil”.

Esta programación está incluída en diferentes ciclos e programas teatrais:

 

Ler conta moito (Xunta de Galicia)

Este programa vai dirixido ó público infantil e de ensino primario para o fomento da lectura e desenvolverase dentro da Biblioteca Municipal de Monforte coas seguintes obras:

-Xoves 26 de setembro, Leo Leiño coa obra titulada Máxia e libriños.

-Xoves 3 de outubro,  Mago Deimi coa obra titulada A maxia está nos libros.

-Xoves 17 de outubro, Mere Clown coa obra A verdadeira historia de Hamerlin.

-Xoves 24 de outubro, Carlos Coira coa obra Basílicamente. As marabillosas ideas do señor Basilio

 

Ler conta moito-Violencia de xénero (Xunta de Galicia)

Atendendo ó compromiso do Concello de Monforte para educar contra a violencia de xénero, prográmanse as seguintes actuacións:

-Venres 11 de outubro, Marionetas Trécola coa obra Cociñando en igualdade.

-Venres 18 de outubro, Brais das Hortas coa obra Contamos todas.

As obras do programa Ler conta moito van dirixidas ó público infantil e de primaria, polo que os responsables da Biblioteca Municipal contactarán con todos os centros educativos de Monforte para concretar o alumnado que acudirá a disfrutar das mesmas. Todas estas obras serán desenvolvidas en horario lectivo de mañá e son totalmente gratuítas para os participantes.

 

Rede de Teatros e Auditorios (AGADIC, Xunta de Galicia)

Dentro da Rede Galega de Teatro, o Concello programa 5 obras de teatro dirixidas a público adulto:

-Xoves 17 de outubro, Talia Teatro coa obra Vida de cans.

-Xoves 31 de outubro De Ste Xeito Producións coa obra Running, obra protagonizada por actrices.

-Xoves 14 de novembro Teatro da Rambola coa peza O meu mundo non é deste reino obra de Manuel María gañadora dun concurso da Fundación Manuel María coa que o Concello de Monforte adquiriu o compromiso da súa representación na cidade. Esta obra foi presentada no Teatro Rosalía da Coruña, a cal foi invitado o Concello de Monforte.

-Xoves 28 de novembro Redrum Teatro coa peza Invisibles, obra con visión de xénero, que foi escollida polo compromiso que o Concello ten coa visibilización desta problemática. Esta obra foi Programada para o día 28 de novembro porque o 25 de novembro conmemórase o Día da Violencia de Xénero, unha lacra social que debemos erradicar dende todos os ámbitos.

-Xoves 12 de decembro Culturactva coa obra Senior.

Todas estas obras vanse representar no Edificio Multiusos ás 20.15 da tarde cun un coste de 5 euros para adultos, e de 3 para xubilados e desempregados.

 

Representación de Teatro Afeccionado “Buxiganga” (Deputación De Lugo)

Dentro do ciclo Buxiganga de teatro afeccionado, vanse a representar dúas obras:

-Sábado 26 de outubro Teatreiras coa obra Pros e contras.

-Sábado 16 de novembro Grupo Teatro Viraventos coa obra Sucesos.

Estas obras representaranse na Casa da Cultura Lois Pereiro as 20:00 horas e serán de balde.

Este ciclo de teatro Buxiganga sempre tivo moi boa acollida xa que os grupos de teatro son afeccionados da cidade do Cabe con moitísima ilusión e gañas de facer teatro, o cal dende o Concello agradecemos profundamente a todas as actrices, actores, as direccións e a todas e todos os participantes.

 

Programa Fala Redes (Xunta de Galicia)- Representación Teatro Profesional-.

Por outra banda, dentro do programa Fala Redes terá lugar unha actuación de teatro, programada  para o vindeiro día 25 de outubro, venres, ás 19:00 horas no Edificio Multiusos coa obra de Talía Teatro titulada Voa, voa!, coa entrada de balde.

 

Programa Proscenio (Deputación de Lugo)

As tres representación de teatro profesional que terá lugar en Monforte, esta vez dentro do programa Proscenio da Deputación de Lugo, son as seguintes:

-Luns 23 de decembro. Lilá Teatro coa obra Dun can de palleiro.

-Venres 27 de decembro,  Lucecús Teatro, coa obra A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna.

-Luns 30 de decembro, Titiriterra coa obra Belermina, a fabulosa velutina.

 

Estas son un conxunto de obras dirixidas o público infantil e familiar que se representarán no Edificio Multiusos ás 18:00 horas, con entrada de balde. Estas pezas están concentradas durante o primeiro período do Nadal, facéndoas coincidir cun momento de vacacións escolares para que todas e todos os nenos co desexen podan acudir coas súas familias e amizades.

 

Marina Doutón rematou a súa intervención salientando que “é un luxo para una cidade coma a nosa poder disfrutar durante un trimestre de 17 obras de teatro e tamén é un esforzo grande por parte do Concello o poder ofrecelas a cidadanía. Esperamos que acudades e que disfrutedes moito de todas estas representacións”.