Monforte de Lemos, 16 de marzo de 2020. O Concello de Monforte de Lemos segue a tomar medidas en relación coa crise do COVID-19. Deste xeito, o Alcalde, José Tomé Roca, asinou esta mañá o decreto de servizos do Concello polo COVID-19.
Decreto Servizos Públicos Municipais esenciais
Logo de ver que con data 14 do presente mes de marzo, pola Presidencia do Goberno de España, ditouse o Real Decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Tendo tamén en conta a instrución da FEGAMP para os Concellos galegos, o Alcalde, en uso das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local. E logo de ver a resolución da Xunta de Galicia de data 15 de marzo do 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se da publicidade ó acordo do centro de coordinación operativa (CECOP) mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico, como consecuencia da evolución epidemiolóxica do Coronavirus COVID-19, que establece no seu acordo 10º.2 a recomendación ás Entidades Locais da aplicación das medidas previstas en dito acordo, o Alcalde resolveu, mediante decreto con data 16 de marzo de 2020:
Primeiro.- Decretar os servizos públicos municipais esenciais ante a situación de excepcionalidade dende o día 16 ao 31 de marzo, ámbolos dous inclusive, podendo ser prorrogado dito prazo en función do que se determine polo Goberno do Estado.
Segundo.- A prestación de servizos públicos, de forma presencial, serán aqueles estritamente necesarios para garantir o correcto funcionamento da actividade municipal.
Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou de instalacións administrativas que permitan seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo dende o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial, facilitándose a estes efectos fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.
Pola contra, todos os empregados públicos que realicen funcións dentro de edificios ou instalacións administrativas que non se poidan desenvolver mediante traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedando a súa actividade suspendida temporalmente. Non obstante, exceptúanse aos empregados públicos que desempeñen funcións de carácter esencial que deberán acudir presencialmente aos seus lugares de traballo, por esixilo o desempeño de ditas funcións.
Terceiro.- Considéranse funcións de carácter esencial no Concello de Monforte de Lemos, as seguintes:
-POLICÍA LOCAL. Todos os efectivos nos turnos habituais, salvo circunstancias excepcionais a determinar polo responsable do servizo.
-PERSOAL DIRECTIVO. Referido á Secretaría Xeral, Intervención e Tesourería.
-MANTEMENTO DE EDIFICIOS. Brigada de Obras, un empregado público. Servizos eléctricos, un emprego público, estes dous de forma rotatoria entre todos os efectivos. Fontanería. Un empregado público.
-COMUNICACIÓNS. Un funcionario.
-PAGO A PROVEEDORES. Intervención e Tesourería (facturas e nóminas), o persoal que determine o responsable do servizo.
-REXISTRO XERAL. Un funcionario/a (turno rotatorio)
-ATENCIÓN AO PÚBLICO. Un empregado público (turno rotatorio).
-CEMITERIO.-Todos os empregados públicos, no cemiterio municipal e un funcionario nas oficinas administrativas.
-SERVIZOS SOCIAIS.- Unha Traballadora social e unha Educadora Social (en turno rotatorio)
-PADRÓN.- Un empregado/a público.
-LIMPEZA INTERIOR.- Traballadores/as da empresa concesionaria.
-LIMPEZA PÚBLICA URBANA.- Traballadores/as da empresa concesionaria e o Técnico de Medio Ambiente.
-ACCESO ÁS DEPENDENCIAS MUNICIPAIS.- Un funcionario do servizo de Atención á cidadanía (turno rotatorio).
Cuarto.- Crear unha comisión municipal de seguimento da evolución do COVID-19, que estará
formada polos seguintes membros:
-Alcalde-Presidente do Concello
-Primeira Tenente de Alcalde
-Concelleiro de Servizos
-Concelleira de Cultura
-Concelleiro de Medio Ambiente
-Xefe da Policía Local
-Xefe do Servizo de Atención á Cidadanía
-Secretario do Concello
Dita Comisión reunirase cada sete días de forma ordinaria, en calquera momento de forma extraordinaria cando as circunstancias así o aconsellen.
Quinto.- Declarar a vixencia dos decretos da Alcaldía de datas de 13 de marzo de 2020 e 15 de marzo do 2020.
Sexto.- Dar traslado do presente decreto aos concelleiros/as, aos responsables das Unidades administrativas e aos empregados públicos municipais.
Sétimo.- As anteriores medidas estarán en vigor durante a vixencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo ou, de ser o caso, das prórrogas do mesmo.