Monforte de Lemos, 01 de abril de 2020. Tal como había comprometido o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ó longo do día de hoxe o interventor da Piscina municipal fará efectivos os pagos das nóminas pendentes ós traballadores, en particular, as correspondentes ós meses de novembro e decembro de 2019, así como xaneiro e febreiro de 2020.
A nómina correspondente ó mes de marzo será abonada ó longo da próxima semana, unha vez que a xestoría teña rematada a confección das nóminas dese mes.
Con este pago das nóminas atrasadas, o Alcalde sinalou que “seguimos avanzando na resolución efectiva do grave problema que ata este momento tiñan os traballadores da Piscina municipal”. Neste senso, o rexedor municipal púxose esta mañá en contacto cos representantes dos traballadores para comunicarlles esta importante xestión.
Intervención do servizo da Piscina municipal
O Concello de Monforte acordara, na sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado día 11 de marzo de 2020, a intervención do servizo da Piscina municipal, logo de transcorrer o prazo de 10 días concedido ó contratista para que acreditase a regularización das condicións de prestación do servizo, algo que finalmente non se produciu e que desenvorcou na citada intervención.
Do mesmo xeito que se aprobou a intervención do servizo de xestión e explotación da Piscina municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais incluídos na instalación, así como das pistas de tenis municipais da Pinguela, decidiuse nomear tamén como interventor técnico a Óscar Rodríguez Pérez, Técnico Municipal de Deportes, que dende ese momento substituíu plenamente ós directivos da empresa adxudicataria.
O interventor técnico, adoptou así as decisións necesarias para, en nome da administración, encargarse directamente do funcionamento do servizo e da percepción dos dereitos establecidos, utilizando para tal fin o mesmo persoal e material do concesionario. Entre as súas funcións, e de modo preferente, realizou tamén as xestións e trámites necesarios para regularizar as percepcións salariais dos traballadores, incluíndo a xestión das operacións de crédito precisas.
Informe do interventor sobre a situación da Piscina municipal
Dende o momento da intervención, o interventor técnico tamén levou a cabo unha análise técnica e económica da situación do contrato da Piscina municipal, co obxectivo de tomar as decisión necesarias para tratar de dar solución ás circunstancias que puxeron en perigo a axeitada prestación do servizo público, e que motivaron a súa intervención.
Coa información da que se dispón a día de hoxe, e que consta no informe inicial presentado polo interventor, obsérvase unha importante débeda tanto co persoal adscrito ó servizo como con diferentes provedores (electricidade, combustible, auga, etc.), que puxeron en perigo a boa prestación do servizo, aspectos estes que quedaron xa de manifesto coas interrupcións que se produciron os días 9 de xaneiro e 14 de febreiro, froito do exercicio lexítimo por parte dos traballadores de reivindicar a situación da falta de pagamento das nóminas que se lles debían por parte da empresa adxudicataria, ou cos avisos de corte de subministro eléctrico e de auga efectuados por parte das empresas subministradoras.
Do mesmo xeito, Tomé Roca indica que “o informe técnico presentado polo interventor incide en que, si ben é certo que xa está rexistrada unha boa parte da débeda que mantén o contratista con persoal e provedores, non se descarta que esta débeda se poida ver incrementada”, dado que o interventor aínda está a facer os tramites e xestións necesarias para coñecer o estado da empresa no relativo ás súas obrigas coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social.
O pago de nóminas pendentes, un aspecto prioritario para o Alcalde
No compromiso manifestado polo Alcalde cos traballadores da Piscina, o cal lles trasladou persoalmente na reunión que mantivo con eles o pasado día 11 nas propias instalacións da Piscina, un aspecto que dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte se entendeu como prioritario dende o primeiro momento, foi o pago das nóminas atrasadas ós traballadores, feito que quedou de manifesto no nomeamento do interventor do servizo, ó que a Xunta de Goberno Local lle encomendou, singularmente e de xeito preferente, realizar as xestións e trámites necesarios para regularizar as súas percepcións salariais.
Para levar a cabo as xestións económicas correspondentes ante a inexistencia por parte da concesionaria de fondo de manobra de efectivo algún, e prantexada inicialmente a posibilidade de formalizar unha operación de crédito cunha entidade financeira, logo das consultas precisas con entidades bancarias e cos servizos económicos do Concello, determinouse que a forma máis efectiva para obter a liquidez necesaria é mediante os remanentes de Tesourería de fondos propios do Concello, que serán devoltos segundo as posibilidades de ingreso o permitan, unha vez recuperada a normalidade, e sen prexuízo das contías que puideran ser susceptibles de esixencia ao concesionario a consecuencia dunha eventual resolución do contrato.
Deste xeito, o importe total das nóminas líquidas que se lle deben ós traballadores, e que serán aboadas de forma inmediata, é o seguinte:
- Mes de novembro de 2019: 9.038,38 € (a empresa xa pagara 7 nóminas correspondentes a este mes).
- Mes de decembro de 2019: 13.498,23
- Mes de xaneiro de 2020: 13.442,33 €
- Mes de febreiro de 2020: 13.469,16 €
O importe destas 4 nóminas pendentes ascende a 49.448,10 euros. Na operación de crédito realizada inicialmente se tiveron en conta ademais os importes correspondestes tanto ó resto de débeda coñecida como á estimación dos custes correspondentes ó mes de marzo.
O Alcalde engadiu que “nos vindeiros meses, iremos analizando a situación en función de como evolucione a alarma sanitaria derivada do coronavirus COVID-19”.
“Deste xeito”, concluíu Tomé Roca, “dámoslle solución a un problema que duraba xa varios meses, que causaba perturbacións no axeitado funcionamento da Piscina e que xeraba un importante perxuízo ós seus traballadores e polo tanto, tamén afectaban ós cidadáns usuarios da mesma."