O Concello de Monforte reabre hoxe as instalacións do Pavillón da Pinguela

Monforte de Lemos, 16 de xuño de 2020. O Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar que dende o día de hoxe, 16 de xuño, procedese á reapertura das instalacións do Pavillón Municipal da Pinguela “para que aqueles clubs e entidades deportivas federadas que tiñan concedido o uso da instalación para levar a cabo as súas actividades durante a tempada 2019-2020 poidan reiniciala ata o 30 de xuño de 2020”.

Estas instalacións foran pechadas por Decreto de Alcaldía de data 13 de marzo de 2020 debido á situación derivada da crise sanitaria producida polo COVID-19.

A Orde SND/414/2020, do 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade no seu art. 42 regula a apertura de instalacións deportivas cubertas, situación na que se atopa o Pavillón Municipal da Pinguela.

Dada a demanda por parte dalgúns dos Clubs Deportivos Federados que tiñan concedido o uso do Pavillón Municipal da Pinguela para levar a cabo os seus adestramentos e competicións durante a tempada 2019-2020, mediante Decreto de Alcaldía, procedeuse a abrir ditas instalacións no día de hoxe, amparado polas indicacións e normas indicadas polas autoridades sanitarias, en concreto:

  • O artigo 39 da orde SND/414/2020, do 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, que regula as condicións nas que debe desenvolverse o adestramento básico en ligas non profesionais federadas.
  • O artigo 31 da Orde SND/458/2020, de 30 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 3 do plan para a transición cara unha nova normalidade, que regula as condicións nas que debe desenvolverse o adestramento medio en ligas non profesionais federadas.
  • E a resolución de 4 de maio de 2020, da presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se aproba e publica o protocolo básico de actuación para a volta aos adestramentos e reinicio das competicións federadas e profesionais.

 

Condicións de reapertura do Pavillón Municipal de A Pinguela

Poderán acceder á instalación aqueles Clubs e Entidades Deportivas Federadas nos horarios que tiñan concedidos para a tempada 2019 – 2020.

As entidades Deportivas e Clubs poderán levar a cabo adestramento de tipo medio coas seguintes particularidades:

  • Os deportistas integrados en clubs participantes en ligas non profesionais federadas poderán realizar adestramentos de tipo medio, consistentes no exercicio de tarefas individualizadas de carácter físico e técnico, así como na realización de adestramentos tácticos non exhaustivos dirixidos á modalidade deportiva específica, en pequenos grupos de varios deportistas ata un máximo de vinte, mantendo as distancias de seguridade de dous metros de xeito xeral e evitando, en todo caso, situacións nas que se produza contacto físico.
  • As tarefas de adestramento se realizarán sempre que sexa posible por quendas, evitando superar o cincuenta por cento da capacidade que para deportistas teña a instalación, co obxecto de manter as distancias mínimas necesarias para a protección da saúde dos deportistas.
  • Poderá asistir ás sesións de adestramento o persoal técnico necesario para o desenvolvemento das mesmas, para o cal deberá manter as medidas xerais de prevención e hixiene fronte ó COVID-19 indicadas polas autoridades sanitarias.
  • Non se poderán utilizar os vestiarios. Os deportistas deberán acceder con roupa deportiva da casa.
  • Habilitaranse dous aseos, un para homes e outro para mulleres que poderán ser utilizados de xeito individual cando sexa necesario.
  • Ás sesións de adestramento non poderán asistir medios de comunicación.
  • Poderán realizarse reunións técnicas de traballo cun máximo de vinte participantes, e sempre gardando a correspondente distancia de seguridade e o uso das medidas de protección necesarias. A estes efectos, se entende por reunións técnicas de traballo aquelas sesións teóricas relativas ó visionado de vídeos ou charlas técnicas de revisión de aspectos de carácter técnico, táctico ou deportivo vinculadas ás posteriores sesións de adestramento que realiza o adestrador cos deportistas.
  • As sesións de adestramento non contarán con presenza de persoal auxiliar, nin de utilleiros, reducíndose o persoal do centro de adestramento ó número mínimo suficiente para prestar o servizo.
  • O adestrador e equipo técnico levarán sempre mascarilla e gardarán unha distancia mínima e dous metros.
  • So poderán acceder á instalación deportistas e persoal técnico.
  • Os e as deportistas non poderán compartir ningún material.
  • Os e as deportistas e persoal técnico deberán acceder á instalación con mascarilla podéndoa quitar só cando accedan á cancha de adestramento.
  • Estableceranse circulacións interiores para evitar aglomeracións de persoas no acceso e saída da instalación.
  • En todo caso se seguirán as medidas de prevención e protección establecidas polas autoridades sanitarias.

Do mesmo xeito, o Concello de Monforte realizará tarefas de limpeza e desinfección periódica das instalacións conforme o previsto polas autoridades sanitarias.

Así mesmo, se limpará e desinfectará o material utilizado polos deportistas ó finalizar cada quenda de adestramento e á finalización da xornada.

Tamén, dotarase á instalación de puntos de subministro de xel desinfectante e cartelería coas normas e recomendacións de hixiene en relación co COVID-19.

 

Os Clubs Deportivos interesados en facer uso da instalación deportiva deberán poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Deportes para organizar a volta ó adestramentos.