Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2020. O ciclo de teatro do Concello de Monforte previsto para o último trimestre do ano 2020 continúa adiante, seguindo as medidas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias ante o Covid-19 para a realización deste tipo de actividades.
Deste xeito, dentro do programa de actividades organizado polo Concello arredor do 25N Día Internacional contra a Violencia de Xénero, este xoves 26 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a unha nova cita co teatro para adultos coa posta en escena da obra A compañeira de piso, da compañía Contraproducións, obra de Jen Silverman, dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó e interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Tendo en conta a normativa establecida polas autoridade sanitarias para este tipo de actuacións, o aforo máximo do Multiusos será de 30 persoas. Do mesmo xeito, a venta de entradas levarase a cabo 1 hora antes do inicio da obra, ata completar o aforo indicado, e a entrada do público ó Multiusos terá lugar media hora antes.
Sinopse
Sharon, unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa.
Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx... Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida.
“A compañeira de piso” é unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila. Adaptación da comedia "The Roommate" da autora americana Jen Silverman, en coprodución co Centro Dramático Galego, que trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos, dentro da Rede de Teatros e Auditorios, programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Curva España da compañía Chévere que terá lugar o xoves 10 de decembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Protocolo ante o Covid-19
Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:
- A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación: nestes momentos o aforo máximo é de 30 persoas.
- A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
- A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade.
- Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.