O Concello xa ten permiso da Xunta de Galicia para expropiar os terreos para o futuro Parque do Hospital

Monforte de Lemos, 17 de decembro de 2010. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello xa ten permiso da Xunta de Galicia para expropiar os terreos para o futuro Parque do Hospital, logo de que esta autorización fora aprobada no Concello da Xunta celebrado o pasado día 3 de decembro de 2020. O Alcalde foi informado desta decisión persoalmente por teléfono polo Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Deste xeito, o Decreto 218/2020, de 3 de decembro, publicado hoxe xoves 17 de decembro no Diario Oficial de Galicia, declara “a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital”.

Este proxecto do novo parque público do barrio do Hospital para a cidade, fora dado a coñecer polo Alcalde monfortino a finais do mes de setembro de 2019, e estará ubicado na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, coa rúa Corredoira, coa rúa Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde.

Tras a declaración da urxente ocupación, que corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia, o Concello poderá xa iniciar os trámites necesarios para poñer en marcha o proceso de expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo este proxecto. Unha vez adquiridos os terreos correspondentes, elaborarase o proxecto construtivo que defina os detalles do novo parque para o Barrio do Hospital. E finalmente, realizarase a licitación para a adxudicación do proxecto, culminando todo este proceso coa realización das obras na nova zona verde.

O Alcalde destaca que “hoxe seguimos avanzando na consecución dun importante proxecto construtivo que fará que a cidade de Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, dotando a esta parte da cidade dun novo servizo público e que ademais contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita”.

“Para o Equipo de Goberno,  a atención ás persoas é un pilar fundamental da nosa acción de Goberno, e creemos que con esta obra contribuiremos a mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os monfortinos.”

 

Antecedentes

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír o novo parque.

Posteriormente, no Pleno celebrado o pasado 24 de febreiro de 2020, acordou solicitar á Deputación Provincial de Lugo a tramitación perante a Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa deste proxectodo Parque do Barrio do Hospital, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Neste senso, os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data 7 de agosto de 2020, tivo entrada no rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude da Deputación Provincial de Lugo por delegación do Concello de Monforte de Lemos e parte do expediente, e con data do 13 de outubro, a Deputación de Lugo presentou documentación complementaria,  contendo o expediente a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Este expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia. O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Deste xeito, considerouse necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, debido a que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ó ocuparse zonas non destinadas ó aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros.

Así, a citada carencia de prazas de aparcadoiro representa un grave problema que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e crea, ademais, posibles dificultades para o acceso de vehículos de urxencias (ambulancias e bombeiros) e constitúe una circunstancia de gran excepcionalidade para esa parte da cidade.

Celebrada a reunión do Consello da Xunta de Galicia o pasado 3 de decembro de 2020, nela acordouse autorizar a expropiación dos citados terreos. Así, a disposición publicada hoxe no DOG indica que “de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, no término municipal de Monforte de Lemos (Lugo), e deben, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obterse as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras”.

Deste xeito, dende o Concello de Monforte xa se está a traballar para iniciar os trámites de expropiación forzosa dos terreos onde se ubicará este novo parque.

 

Carácter integral do novo parque público

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo Equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

O custe estimado destas obras de construción do novo parque superarán os 600.000 euros, repartidos en 10 apartados:

  • Movemento de terras, arredor de 22.000 euros.
  • Escollera, aproximadamente 60.000 euros.
  • Vía estacionamento e senda peonil, arredor de 129.000 euros.
  • Pintado e sinalización, aproximadamente 3500 euros.
  • Peche perimetral, aproximadamente 11.000 euros
  • Iluminación, aproximadamente 45.000 euros
  • Axardinamento, arredor de 136.000 euros
  • Área de xogos, incluído biosaudables, aproximadamente 177.000 euros
  • Mobiliario urbano, arredor de 14.000 euros
  • Proxecto de seguridade e saúde, arredor de 9.000 euros

Ó custe das obras haberá que engadir o importe que finalmente supoña á expropiación dos terreos, proceso que se iniciará nos vindeiros días.