O Alcalde informa das novas restricións por mor da Covid-19 que afectan a instalacións municipais de Monforte, segundo a Orde e Decreto da Xunta de Galicia

Monforte de Lemos, 27 de xaneiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa das novas medidas e restricións establecidas polas autoridades sanitarias que afectan ás instalacións municipais do Concello de Monforte por mor da Covid-19.

Estas novas medidas, publicadas no día de onte, 26 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia, están establecidas polo DECRETO 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 e pola ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello, comunícase á todos os monfortinos e monfortinas as novas medidas que afectan especialmente ás actividades e ás instalacións municipais, e que terán efecto dende as 00.00 horas do 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro.

Así, nas instalacións municipais afectadas, o Concello ten colocado o correspondente cartel informativo no que se especifica, si é o caso, o peche da instalación ou se inclúen as normas de uso, de hixiene, de uso obrigatorio de máscara, de distanciamento social e o aforo máximo permitido en cada caso.

 

Instalacións deportivas

A nova normativa supón o peche ó público das seguintes instalacións deportivas para a práctica de actividade física non federada e federada de nivel autonómico, tanto para adestramentos como para competicións:

  • Piscina Climatizada Municipal, ximnasio e pistas de tenis, así como a súa cafetería.
  • Estadio Municipal da Pinguela e Pistas de Atletismo Saleta Fernández López.
  • Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.
  • Pavillón Municipal da Pinguela.
  • Pavillóns polideportivos escolares con convenio coa Consellería de Educación.

As instalacións deportivas mencionadas poderán permanecer abertas no caso da celebración de adestramentos ou competicións de ámbito estatal. Neste caso, aqueles/as deportistas de ámbito estatal que precisen realizar os seus adestramentos deberán contar, obrigatoriamente, coa correspondente certificación federativa que acredita esta situación, e deberán poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Deportes co fin de organizar a actividade.

 

Instalacións culturais

As novas medidas supoñen:

  • Peche da Biblioteca Municipal
  • Peche do Auditorio do Edificio Multiusos
  • Peche da Casa da Cultura

Deste xeito, tal e como indica a Orde do 26 de xaneiro de 2021, todas actividades culturais e expositivas que se leven a cabo en dependencias municipais quedan suspendidas.

Neste senso, o Concello anuncia o aprazamento, previsiblemente para o mes de maio se as circunstancias o permiten, da obra de teatro que estaba previsto celebrar mañá xoves día 28 no Edificio Multiusos, titulada “O mozo da última fila” da compañía Redrum Teatro.

 

Outras dependencias e actividades municipais

Outras dependencias municipais que quedan afectadas por esta nova normativa son as seguintes:

  • Peche da Tapería do Centro do Viño
  • Peche da Cafetería do Centro Cívico
  • Suspensión das clases da Escola de Música e Danza
  • Suspensión das clases lectivas presenciais do Conservatorio Municipal: neste caso si haberá clases online.

 

Feira do Mercado Gandeiro

A Feira do Mercado Gandeiro de Monforte, que se celebra os días 6 e 24 de cada mes, abrirá coas seguintes restricións:

  • Limitación do aforo da Feira: 50% da súa capacidade no que se refire a postos dos comerciantes, e limitacións tamén de aforo no acceso de clientes.
  • En canto á instalación dos postos, terán preferencia aqueles relacionados cos produtos de primeira necesidade (alimentación), accedendo ó recinto feiral o resto de postos por orde de chegada, ata completar o aforo indicado do 50%.
  • Establecerase o correspondente distanciamento entre os postos instalados.
  • No caso dos postos de polbo, non se poderá degustar na Feira e so estará permitido mercalo no espazo habitual e levalo para consumir no domicilio (non está permitido o consumo de alimentos en espazos exteriores).

 

Cemiterio Municipal

No caso do Cemiterio Municipal a regulación afecta a enterros e velorios:

  • Enterros: Un máximo de 15 persoas non convivintes e a maiores o ministro de culto correspondente.
  • Velorios: Un máximo de 15 persoas en exterior e un máximo de 5 persoas en interior, agás convivintes.

 

Bus Urbano

O Bus Urbano de Monforte, que é un servizo municipal de uso gratuíto, tamén contempla modificacións en canto ó seu aforo:

  • Pódense utilizar todos os asentos, debendo manterse a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.
  • Só poden ir de pé unha sexta parte das súas prazas, o cal supón 2 persoas como máximo de pé.

 

Parques infantís públicos municipais

Nos parques infantís municipais, segue vixente a normativa establecida ata o momento, a cal está especificada en carteis informativos situados á entrada de cada parque infantil.

En todo caso, a actual normativa establece o acceso de unha persoa por cada 4 metros cadrados.

 

O Alcalde informa que dende o Concello instaláronse carteis informativos coas normas específicas para cada instalación municipal así como os protocolos de seguridade establecidos de acordo coas indicacións determinadas polas Autoridades Sanitarias.

O rexedor municipal pide ós cidadáns que sigan en todo momento as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias a fin de paliar, coa colaboración de todos e todas, os efectos desta pandemia.