O novo Bus Urbano, un éxito para os monfortinos

Monforte de Lemos, 6 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no período que vai dende o inicio da súa actividade, o pasado 1 de febreiro de 2020, e ata o 31 de xaneiro de 2021.

Deste xeito, o Alcalde sinalou como dato máis relevante que “o novo bus urbano de Monforte transportou, nos últimos 12 meses, un 140% máis de persoas que en 2019. En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019, todo un éxito para este novo servizo de transporte público municipal.”

Hai que ter en conta ademais que o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise da COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas polo Alcalde para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.


Foto de arquivo: Presentación polo Alcalde e o Equipo de Goberno do Concello do novo Bus Urbano de Monforte, o 1 de febreiro de 2020

Desglose de usuarios

Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios foi o seguinte:

Mes

Número de viaxeiros

Febreiro de 2020

3.886

1 a 14 de Marzo

2.103

Abril

----

11 a 30 de Maio

1.397

Xuño

2.705

Xullo

3.191

Agosto

3.116

Setembro

3.167

Outubro

4.397

Novembro

3.885

Decembro

3.599

Xaneiro de 2021

3.209

Total

34.655

 

Os 34.655 usuarios deste período febreiro 2020-xaneiro 2021, supoñen un 140% (+20.233) que en 2019 (14.422 usuarios), un 93% (+16.760) que en 2018 (17.895 usuarios) e un 98% (+17.161) que en 2017 (17.494 usuarios).

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas”.

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día

O Bus Urbano que comezou o seu servizo hai agora un ano en Monforte é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste senso, o Alcalde sinala que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.

 

Principais características do novo Autobús urbano de Monforte

O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro de 2020, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:

  • Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
  • Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
  • Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
  • Conta cun máquina rexistradora de usuarios, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
  • Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
  • Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
  • Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
  • Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
  • Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o condutor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chofer.
  • Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asento daquel.
  • Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.

Incorpora ademais as seguintes características técnicas:

  • Motor de 190 CV con 6 cilindros en V.
  • Apagado automático cando o vehículo para, a fin de aforrar combustible.
  • Limitador de velocidade a 100km/h.
  • Asistente de freado activo co servofreno de emerxencia (BAS).
  • Axuda de arranque en pendente.
  • Cambio con levas no volante.
  • Asistente para vento lateral.
  • Tacógrafo intelixente.
  • Cámara traseira.
  • Detector de cambio de carril, sistema de aviso de risco de impacto frontal co vehículo precedente e detector de fatiga do condutor.
  • Faros antinéboa con luz de xiro.
  • Conexión automática de luces de cruce.
  • Luz de freo adaptativa.
  • Cinturóns de seguridade para todos os usuarios.

En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria conta cun vehículo de substitución, que fará que o servizo non se vexa interrompido.

O contrato entre o Concello e a empresa adxudicataria deste servizo é por 10 anos.