Monforte de Lemos, 6 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no período que vai dende o inicio da súa actividade, o pasado 1 de febreiro de 2020, e ata o 31 de xaneiro de 2021.
Deste xeito, o Alcalde sinalou como dato máis relevante que “o novo bus urbano de Monforte transportou, nos últimos 12 meses, un 140% máis de persoas que en 2019. En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019, todo un éxito para este novo servizo de transporte público municipal.”
Hai que ter en conta ademais que o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise da COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas polo Alcalde para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.
Desglose de usuarios
Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios foi o seguinte:
Mes |
Número de viaxeiros |
Febreiro de 2020 |
3.886 |
1 a 14 de Marzo |
2.103 |
Abril |
---- |
11 a 30 de Maio |
1.397 |
Xuño |
2.705 |
Xullo |
3.191 |
Agosto |
3.116 |
Setembro |
3.167 |
Outubro |
4.397 |
Novembro |
3.885 |
Decembro |
3.599 |
Xaneiro de 2021 |
3.209 |
Total |
34.655 |
Os 34.655 usuarios deste período febreiro 2020-xaneiro 2021, supoñen un 140% (+20.233) que en 2019 (14.422 usuarios), un 93% (+16.760) que en 2018 (17.895 usuarios) e un 98% (+17.161) que en 2017 (17.494 usuarios).
O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas”.
Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día
O Bus Urbano que comezou o seu servizo hai agora un ano en Monforte é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.
Neste senso, o Alcalde sinala que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.
“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.
Principais características do novo Autobús urbano de Monforte
O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro de 2020, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:
- Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
- Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
- Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
- Conta cun máquina rexistradora de usuarios, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
- Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
- Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
- Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
- Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
- Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o condutor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chofer.
- Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asento daquel.
- Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.
Incorpora ademais as seguintes características técnicas:
- Motor de 190 CV con 6 cilindros en V.
- Apagado automático cando o vehículo para, a fin de aforrar combustible.
- Limitador de velocidade a 100km/h.
- Asistente de freado activo co servofreno de emerxencia (BAS).
- Axuda de arranque en pendente.
- Cambio con levas no volante.
- Asistente para vento lateral.
- Tacógrafo intelixente.
- Cámara traseira.
- Detector de cambio de carril, sistema de aviso de risco de impacto frontal co vehículo precedente e detector de fatiga do condutor.
- Faros antinéboa con luz de xiro.
- Conexión automática de luces de cruce.
- Luz de freo adaptativa.
- Cinturóns de seguridade para todos os usuarios.
En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria conta cun vehículo de substitución, que fará que o servizo non se vexa interrompido.
O contrato entre o Concello e a empresa adxudicataria deste servizo é por 10 anos.